Tomiño e Cerveira promovem Campus Desportivo Transfronteiriço
10 Novembro, 2017Tomiño e Cerveira organizan un obradoiro para analizar distintas experiencias de cooperación transfronteiriza
6 Decembro, 2017Educación e cultura centran a maioría das ideas de cooperación entre Tomiño e Cerveira
Xa están enriba da mesa as propostas de proxectos para levar adiante no programa de Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT). Para esta segunda edición, 12 entidades e dous cidadáns enviaron ata 8 propostas distintas de cooperación entre Cerveira e Tomiño.
Centrados en tres áreas de acción, a que máis achegas recibiu é a relacionada coa educación e a cultura. Como obriga as propostas debían de estar presentadas ao menos por unha entidade, asociación ou un veciño ou veciña de cada un dos dous concellos participantes, fomentando a colaboración transfronteiriza entre Tomiño e Cerveira dende o xermolo dos proxectos.
Período de votación
Agora, co prazo de presentación de propostas xa pechado, os proxectos pasarán a revisión técnica dos expertos. Tras un período de reclamacións e se non hai incidencias que resolver, a cidadanía poderá votar entre o 20 de decembro de 2017 e o 20 de febreiro de 2018 aquela idea que máis lle guste para que se leve adiante ao longo do vindeiro ano en ambos os dous concellos. A organización porá en marcha dous obradoiros para que cada un dos promotores presenten as súas ideas aos veciños e veciñas de ambos os dous concellos.
Nesta votación poderán participar todos aqueles cidadáns e cidadás que aparezan recollidos no censo electoral de Tomiño e Cerveira. O voto emitirase de xeito telemático a través da propia web do OPT co DNI de cada votante, que será cotexado por parte dos servizos municipais. En caso de que non se cumpran os requisitos o voto será declarado nulo. As ideas presentadas optarán a conseguir unha subvención aproximada de 5.000 euros para a execución do proxecto.
O Orzamento Participativo Transfronteirizo é un proxecto pioneiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que busca implicar á poboación de Cerveira e Tomiño na procura de solucións para necesidades comúns. Está incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.