A Eurocidade reforza a cooperación transfronteiriza con novas iniciativas centradas na sustentabilidade, a economía circular, a cultura, o deporte, a conciliación familiar ou a mocidade
Co foco posto no fortalecemento dunha cooperación transfronteiriza máis integrada e próspera, a Eurocidade Cerveira-Tomiño continúa neste 2025 coa materialización de actividades con impacto nas dinámicas dos dous concellos. O Comité de Xestión Estratéxica da Eurocidade reuniuse en Vila Nova de Cerveira, coa participación da alcaldesa de Tomiño Sandra González e o presidente da cámara municipal lusa Rui Teixeira, para aprobar un novo paquete de accións para o futuro, froito dunha imaxinación fértil e dun espírito innovador, no marco da promoción da igualdade e da loita contra o cambio climático, ademais dunha programación xa habitual con actividades en diversas áreas.
Exemplo de como os dous países poden traballar xuntos en prol dun desenvolvemento sustentable e equilibrado, a Eurocidade Cerveira-Tomiño ten previstas ao redor de 15 accións para o presente ano, enmarcadas en áreas fundamentais como a sustentabilidade ambiental e a economía circular, a cultura e o deporte, a conciliación familiar e a mocidade, consensuadamente avaladas polos proxectos REDE-GOV e ADAPT, cun investimento aproximado de 900.000 euros, cofinanciado ao 75% polo FEDER a través do POCTEP ata 2026.
Así, entre as medidas innovadoras para 2025, a Eurocidade Cerveira-Tomiño avanzará coa presentación pública e a distribución entre o público de tres documentos diferenciadores: unha Guía Práctica de Conciliación do Traballador Transfronteirizo, unha Guía de Recursos e Servizos para a Conciliación Familiar e un Catálogo de Recursos e Servizos Xeorreferenciados. Tamén está prevista a dinamización dun ‘Mercado Sen Fronteiras’, unha iniciativa de promoción conxunta de produtos locais, receitas tradicionais e música típica en ambos os concellos; así como unha segunda edición do Encontro Transfronteirizo de Protección Civil, con novas aproximacións, maior implicación da comunidade escolar e coa constitución previa dun Grupo de Traballo de Protección Civil, co obxectivo de reflexionar e actuar en favor dun territorio transfronteirizo máis preparado, máis organizado e máis seguro para afrontar o futuro ante os efectos do cambio climático.
Entre as actividades xa consolidadas e ben acollidas pola poboación, mantéñense o Concurso de Pintura Antonio Fernández, o Olympics4All, a Semana Europea do Deporte, o BTT Transfronteirizo, a Carreira de Reis, así como a continuidade das actividades do OPT Mocidade 2023 como son os proxectos ‘Música Nova’ e ‘Gladiator Race’.
A definición anual dun plan de acción da Eurocidade Cerveira-Tomiño busca unha mellora dedicada e continua da calidade de vida das poboacións locais, nun espazo común e fluído, minimizando as barreiras administrativas e promovendo unha integración social e económica.