Cerveira/Tomiño

Cerveira/Tomiño

 

A integración dos concellos de Cerveira e Tomiño é algo visible e palpable na vida cotiá das súas xentes. Xuntas, unidas como Eurocidade, ocupan 215,07 km cadrados e crean un espazo de forte relación económica, comercial e humana no que viven arredor de 23.000 persoas.

Co río Miño como elemento central da identidade do territorio, estes dous concellos atópanse englobados nos espazos de influencia das dúas áreas urbanas máis importantes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: á área metropolitana de Vigo, a maior de Galicia, e a de Oporto, principal referente urbano no norte do país luso. É estar a cabalo entre estas dúas áreas dinámicas o que marca a potencialidade dun territorio que serve de bisagra xeográfica e socioeconómica e converte á Eurocidade Cerveira-Tomiño nun lugar con importantes expectativas de desenvolvemento.

Tomiño e Cerveira comparten dende hai tempo equipamentos e servizos, reflexo da estreita relación existente entre dous concellos que están separados por apenas 180 metros na marxe menos ancha do Miño e onde se asentan fronte a fronte o Espazo Fortaleza e o parque do Castelinho, os principais espazos de ocio dos dous municipios.

A Eurocidade é accesible por autoestrada e ferrocarril, desde Vigo (A9 e A55, saída 30) e Porto (A28), cidades con aeroportos con destinos europeos e internacionais.



logo-cerveira-520x240

Entre o verde da montaña e o azul do río, Vila Nova de Cerveira é un concello situado no noroeste da Península Ibérica cunha área de 108,6 km cadrados que bordea ao norte con Valença, ao leste con Paredes de Coura, ao sur con Ponte de Lima e ao oeste co Miño e a veciña Galicia.

Con 9.253 habitantes (segundo datos de 2011 recollidos no Instituto Nacional de Estatística), o municipio está dividido administrativamente en 11 parroquias despois da unión de varias delas (Cornes, Covas, Gondarém, Loivo, Mentrestido, Sapardos, Sopo, Unión e Vila Meã, Candemil e Gondar, Rebodera e Nogueira e Vila Nova de Cerveira e Lovelhe).

No eido económico, a industria estase a converter na base económica grazas á mellora da accesibilidade e das infraestruturas ou a programas de incentivos que xeraron unha nova dinámica na que os dous polos industriais do municipio aparecen como símbolo de renovación estrutural. Empresas de produtos metálicos, madeira e téxtil son as máis numerosas.

Nas últimas décadas, o concello confía no sector cultural como un dos vectores clave na súa estratexia de desenvolvemento e afirmación territorial. Cerveira, ‘Vila das artes’, foi pioneira na realización de bienais internacionais de arte no que se dan cita artistas de todo o mundo e que dan pulo a unha oferta cultural de excelencia. O sector terciario tamén aumentou de xeito significativo na última década pola posta en marcha de novos servizos turísticos, financeiros, automobilísticos e de restauración.

logo-concello-tomiño-520x240

Situado no suroeste de Galicia, na comarca do Baixo Miño, Tomiño é un concello de 106,5 km cadrados que limita ao norte con Gondomar, ao noreste con Tui, ao oeste con Oia e ao suroeste co Rosal. Fronte a el, ao sur e separados pola fronteira natural do río Miño, levántase a súa veciña portuguesa Vila Nova de Cerveira.

Os seus 13.738 habitantes (segundo datos do Instituto Galego de Estatística) espállanse entre as 15 parroquias na que está dividido o municipio, que conta con dous núcleos urbanos: O Seixo, núcleo principal e sede da administración local, e Goián, que creceu xunto a marxe do Miño cunha vida e historia moi vencelladas ao río e á súa condición de fronteira natural.

Sustentado principalmente polos sectores terciario e secundario, a actividade agraria tamén ten particular importancia no concello tanto en termos económicos pola creación de riqueza e emprego como pola súa incidencia social e territorial. Orientada ao comprador urbano e á exportación, intensiva e moi rendible, é unha agricultura moderna favorecida polas características naturais e climáticas da comarca que ofrece unha materia prima de gran calidade.

Tomiño é tamén un concello rico en patrimonio e natureza, con rutas que levan aos turistas polas máis fermosas paisaxes, por restos da cultura megalítica que acolleu a zona, por igrexas románicas... ou polos seus abundantes ríos, que atraen tanto a aquelas persoas que queren desfrutar das coidadas praias fluviais como da pesca.