
Cerveira inaugura o Espazo Xuventude Sen Fronteiras: tecnoloxía e cultura de acceso libre
1 Abril, 2025
Olympics4All reafirma a súa distinción como boa práctica a nivel europeo
22 Abril, 2025Educar para o Risco: xogos temáticos para conmemorar a Protección Civil

Recorrendo á vella máxima de que xogando tamén se aprende (e moito), a Eurocidade Cerveira-Tomiño coa Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, a través do Servizo Municipal de Protección Civil, estivo nun centro escolar diferente cada día da semana para dinamizar diversas actividades didácticas arredor da promoción do concepto de risco no ámbito da Protección Civil, desenvolvendo unha cultura de seguridade. Enmarcada nas conmemoracións municipais da Protección Civil, esta acción contou coa colaboración da GNR, Bombeiros Voluntarios, Policía Marítima e o Equipo de Sapadores Forestais 20-111.
Preto de 550 nenas e nenos, desde educación infantil ata o 1º ciclo, foron convidados a xogar co concepto e a intervención da Protección Civil nos máis diversos ámbitos, estimulando a curiosidade, a autoconfianza e a autonomía, ademais de favorecer o desenvolvemento da linguaxe, o pensamento e a atención sobre o concepto de ‘Educar para o Risco’. Para a concelleira de Educación, Sónia Guerreiro, “a seguridade é un tema que nunca se debe descoidar, polo que o municipio de Cerveira quere asegurar que, desde moi pequenos, todos sexan capaces de entender as normas de seguridade, adoptar comportamentos que eviten ou minimicen os riscos – sexan naturais, tecnolóxicos ou mixtos – e comprendan a importancia e a forma de actuación dos axentes de protección civil”.
Así, todos e todas tiveron a oportunidade de probar cada un dos cinco xogos temáticos, adquiridos polo municipio de Cerveira, a maioría deles de gran formato para que as crianzas puidesen desprazarse sobre eles, ademais de poder facer preguntas aos axentes de protección civil presentes, que tamén guiaron cada actividade:
- Dinamizado polos Bombeiros Voluntarios, o ‘Máis Heroes – A Incrible Misión de Salvar’ é un xogo de taboleiro que, de forma lúdica e divertida, propón retos relacionados cos primeiros auxilios, como actuar en determinadas situacións, que facer, que está ben feito e que se debe evitar.
- A GNR estivo ao cargo do ‘Cidade Segura’, que fomenta o desenvolvemento de prácticas de cidadanía para crear unha cultura de seguridade viaria.
- A Policía Marítima promoveu o ‘Praia Segura’, un xogo que sensibiliza as crianzas sobre a seguridade na praia, dende o coidado co sol e a pel ata os comportamentos seguros ao bañarse no mar.
- O Servizo Municipal de Protección Civil levou o ‘Kit de Emerxencia’, un xogo de memoria que busca fomentar a idea de crear un kit de emerxencia, salientando a súa importancia e os elementos que debe conter.
- Os Sapadores Forestais presentaron o ‘Axentes de Protección Civil’, no que os nenos e nenas tiñan que completar un puzzle e identificar os diferentes axentes da Protección Civil.
Polo seu carácter de concienciación e compromiso ambiental coa comunidade escolar, estas actividades con xogos temáticos forman parte da operación 0177_Eurocidade_CT_ADAPT_1_P, cofinanciada ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través da convocatoria INTERREG VA POCTEP.



