
Educar para o Risco: xogos temáticos para conmemorar a Protección Civil
4 Abril, 2025
Mizi pon palabras e ritmo á amizade transfronteiriza
6 Maio, 2025Olympics4All reafirma a súa distinción como boa práctica a nivel europeo

Foi galardoado no URBACT City Festival 2025 celebrado en Breslavia, Polonia
O proxecto Olympics4All da Eurocidade Cerveira-Tomiño volveu ser distinguido a nivel europeo no marco das “Boas Prácticas URBACT IV”. A cerimonia de entrega de premios do URBACT City Festival 2025 celebrouse en Breslavia, Polonia, onde a Eurocidade puido compartir esta boa práctica con máis cidades europeas.
Durante este encontro, a Eurocidade foi convidada a presentar unha comunicación na sesión paralela “Cidades Inclusivas”, na que se deu a coñecer máis polo miúdo a evolución e os resultados do Olympics4All na saúde e benestar social da poboación sénior, consolidando a oportunidade de incentivar outras cidades europeas a implementar este proxecto de envellecemento activo, que tamén pode abarcar a inclusión social doutros grupos vulnerables.
O proxecto ‘Olympics4All’ (Erasmus+) foi lanzado en 2015 para promover o envellecemento activo. Inicialmente concibido como un evento único, a súa popularidade entre as persoas participantes levou á colaboración cos outros nove concellos, que comezaron a organizar adestramentos semanais e a financiar competicións anuais baseadas nalgúns principios dos Xogos Olímpicos.
Co obxectivo de replicar esta boa práctica noutros territorios en proceso de envellecemento, puxéronse en marcha os proxectos IN COMMON SPORTS e IN COMMON SPORTS+ (ERASMUS+), que chegaron a España, Italia, Eslovenia, Hungría e Bulgaria. Ata o momento, máis de 1.000 persoas maiores adestran semanalmente e participaron en máis de 30 competicións deportivas e xogos intermedios organizados en seis países.
Cómpre lembrar que este proxecto, que xa cumpre unha década de existencia, ten recibido distintos recoñecementos, sendo o máis recente en 2023, ao gañar o Premio #BeActive Across Generations. A conquista do selo de Boas Prácticas URBACT, cunha puntuación entre o 80% e o 100%, foi outorgada polo Comité de Seguimento do URBACT, representado polos Estados Membros e Socios da UE, a Comisión Europea, os Países do IPA, o Comité das Rexións Europeo e o Consello dos Municipios e Rexións de Europa.



