
Os Bolechas conquistaron a Eurocidade nunha xornada de música, libros e ilusión compartida
10 Novembro, 2025
Ciencia e cooperación únense en Tomiño para defender o futuro do río Miño
16 Novembro, 2025XII Simposio Ibérico: Cerveira-Tomiño reúne ciencia e cooperación para a defensa do río Miño

A Eurocidade Cerveira-Tomiño e o Aquamuseu do Río Minho promoven, os días 28 e 29 de novembro, o XII Simposio Ibérico sobre a Bacía Hidrográfica do Río Miño, un encontro científico e técnico aberto á comunidade que ten como obxectivo reflexionar sobre os principais desafíos ambientais deste importante curso fluvial transfronteirizo. Por segunda vez, este evento bienal celébrase fóra de Vila Nova de Cerveira —despois de que a 2ª edición tivera lugar en Melgaço—, desenvolvéndose desta volta no Espazo Isaura Gómez, en Tomiño.
Durante dous días, investigadores, técnicos e xestores ambientais de Portugal e de Galicia compartirán coñecemento e debaterán temas como a calidade da auga e a contaminación no río Miño e nos seus afluentes, a xestión das especies autóctonas e exóticas (presente e ameazas futuras), o estado actual das poboacións de peixes migradores e a literacia e cidadanía ambiental.
A apertura do encontro correrá a cargo da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do vicepresidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, António Quintas, e entre as entidades participantes salientan o CIIMAR – Universidade do Porto, o MARE – Universidade de Lisboa, o IPMA, a Universidade de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia, o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC), a Universidade de Vigo e a Asociación Herpetolóxica Española, entre outras institucións científicas e ambientais de referencia.
O programa inclúe ademais un obradoiro temático baixo o título “Da conservación á innovación: conciliar especies autóctonas e exóticas. Cal é a contribución da tecnoloxía científica?”, que presentará proxectos e solucións aplicadas noutras rexións co obxectivo de inspirar respostas innovadoras aos desafíos que afronta a bacía do río Miño.
O XII Simposio Ibérico sobre a Bacía Hidrográfica do Río Miño reforza o compromiso de cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño e promove unha reflexión conxunta sobre a biodiversidade, a sustentabilidade e o futuro común do río que une ambos territorios. Pola súa natureza, intégrase na operación 0177_Eurocidade_CT_ADAPT_1_P, cofinanciada nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través da convocatoria INTERREG VA POCTEP.
Para máis información e/ou inscricións, as persoas interesadas poden contactar co Aquamuseu do Río Miño no teléfono 251 708 026 ou no correo electrónico aquamuseu@cm-vncerveira.pt. O programa completo está dispoñible en: https://aquamuseu.cm-vncerveira.pt/pages/594



