
Novos desafíos no II BTT Transibérico 2025 con dúas rutas de 35 e 53 km
10 Outubro, 2025
XII Simposio Ibérico: Cerveira-Tomiño reúne ciencia e cooperación para a defensa do río Miño
12 Novembro, 2025Os Bolechas conquistaron a Eurocidade nunha xornada de música, libros e ilusión compartida

A visita dos populares personaxes encheu de vida o Concello, a Praza do Seixo, o mercado e o Espazo Isaura Gómez
A risa, a música e a imaxinación tomaron a Eurocidade Cerveira-Tomiño nunha xornada que quedará na memoria da cativada e das familias. A visita dos Bolechas a Tomiño converteuse nun auténtico éxito de participación, enchendo os distintos espazos do municipio de entusiasmo, lectura e diversión interxeracional.
Ao longo do día, os populares personaxes percorreron puntos clave da vila, achegándose ao Concello, á Praza do Seixo, ao mercado de Tomiño e, como non podía ser doutro xeito, á biblioteca do Espazo Isaura Gómez, onde a maxia dos libros foi protagonista. Pequenos e maiores gozaron dunha experiencia pensada para compartir, rir, cantar e soñar xuntos.
Un dos momentos máis agardados foi a presenza do seu creador, Pepe Carreiro, que asinou para a rapazada exemplares do libro ‘As Treboadas de Tomiño’, convertendo a lectura nun recordo especial e próximo. A actividade reforzou o vínculo entre literatura, territorio e identidade local, achegando a cultura dun xeito lúdico e accesible.
A Eurocidade Cerveira-Tomiño pon en marcha así unha serie de iniciativas para fomentar o gusto pola lectura e crear experiencias culturais compartidas, empregando estas actividades como unha ferramenta poderosa para unir xeracións, dinamizar os espazos públicos e facer que a infancia viva os libros con ilusión.
Esta actividade enmárcase na operación 021_REDE_GOV MINHO, cofinanciada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través de INTERREG V-A POCTEP.



