Últimos días para apuntarse ao xa tradicional Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández
17 Agosto, 2021A Eurocidade Cerveira-Tomiño continúa con éxito de participación os Roteiros do Miño
30 Agosto, 2021Preto de medio centenar de artistas medíronse no 9º Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández
Un total de 44 participantes presentáronse a concurso, elixindo para pintar diferentes recunchos de Goián e Cerveira
Os premios do 9º Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández, celebrado onte en Goián (Tomiño) e Vila Nova de Cerveira (Portugal), estiveron moi disputados.
O gañador absoluto do concurso organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño foi este ano Federico Plasencia Chacón, de Cáceres. O segundo premio foi para Julio Herrero Romero, de Vitoria, e o terceiro para Alberto Falcón Sineiro, de Cambados.
Na categoría infantil, que se convocaba por segundo ano consecutivo, o primeiro premio foi para Olaia Castro Souto (11 anos. A Coruña), e o segundo, para Nicolás Carbajal (6 anos. Ourense). Mentres, Uxía Soto Costas (13 anos. Vigo) fíxose co primeiro premio na categoría xuvenil, quedando o segundo deserto.
Un total de 44 participantes (36 adultos e 8 menores de idade) presentáronse a concurso, elixindo diversos recunchos da vila goianesa e da súa veciña lusa (Cerveira) para instalar a súa mesa e cabalete. A procedencia dos artistas foi coma sempre, moi variada, presentándose xente da zona, pero tamén doutros puntos de Galicia, España e Portugal. O tempo acompañou, e o ambiente que se creou ao redor das prazas de ambas as vilas fronteirizas, foi realmente auténtico.
A entrega de premios e exposición dos cadros, fíxose por primeira vez na renovada Praza Pintor Antonio Fernández, sobre as seis e media da tarde. O acto estivo presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen salientou o gran nivel acadado polo certame, tanto no aspecto artístico, coma de participación, así como a constante evolución do certame que considera totalmente consolidado. Acompañaron á rexedora a concelleira da Eurocidade, Fátima Rodríguez, e distintos representantes do mundo da cultura e das artes, dun e doutro lado da fronteira.
O xurado estivo presidido tamén pola alcaldesa e formado ademais por artistas de renome da zona, representantes da Bienal de Cerveira, da Asociación Antonio Fernández, Comunidade de Montes de Goián, Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas de Tomiño, concelleiros, etc.
Os traballos exporanse dende mañá e até o domingo próximo no Centro Goianés, pasando a semana seguinte á Bienal de Cerveira, onde estarán ao longo de sete días.