O pleno aproba uns orzamentos sociais e adaptados ao funcionamento dos servizos públicos
30 Dezembro, 2017Consumidores e accesibilidade, protagonistas na categoría de Territorio e Medio Ambiente para o II Orzamento Participativo Transfronteirizo
9 Janeiro, 2018Tomiño e Cerveira escollen entre catro proxectos de Cultura e Educación para poñer en marcha ao abeiro do Orzamento Participativo Transfronteirizo
Continúan as votacións para que os veciños e veciñas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira escollan os tres proxectos de cooperación que ambos concellos realizarán de forma conxunta ao longo de 2018 ao abeiro da segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo, un proxecto incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerviera, cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea, e que busca implicar á poboación de ambos os dous municipios na procura de solucións para necesidades comúns.
Ata o vindeiro 20 de febreiro, a cidadanía poderá exercer o seu voto telemático e escoller unha iniciativa en cada unha das tres categorías nas que este ano se dividiron os oito proxectos presentados. O eido da Educación e da Cultura é o que máis proxectos aglutinou, cun total de catro ideas presentadas por oito entidades de Tomiño e Cerveira. Poderán votar todos aqueles veciños e veciñas que aparezan no censo electoral de ambos os dous municipios.
Catro iniciativas
Entre os proxectos presentados para esta segunda edición na área de Educación e Cultural está a organización de actividades artísticas dirixidas á poboación escolar de Vila Nova de Cerveira e de Tomiño. A idea, proposta pola Escola Superior Gallaecia e a Mesa de Anpas dos Centros Educativos de Tomiño, propón realizar entre dúas e catro actividades para o estudantado de Secundaria e entre 3 e 6 para o de Primaria, con espazos para a experimentación e demostración artística, con novos coñecementos das artes plásticas, da arquitectura e de novas disciplinas “para o enriquecemento persoal e curricular” dos rapaces e rapazas participantes.
Da man da Agrupación Sociocultural de Goián e da Academia de Música Fernandes Fao chega a idea de facer un intercambio musical transfronteirizo entre profesorado e alumnado de ambas as dúas escolas. Trátase dun intercambio no que se traballaría nun repertorio musical no que se mesture o acervo musical galego e luso, explorando tanto o eido da música tradicional como na actual composición contemporánea. Ademais, a proposta recolle un encontro de convivencia musical de varias xornadas mesturando as dúas escolas para ensaios conxuntos e a creación da ‘Banda da Amizade’ para realizar dous concertos nos que dar a coñecer os resultados musicais do proxecto.
Outra das iniciativas que os votantes poderán escoller é o proxecto ‘Sabores de Aldeia e Sons das Treboadas Transfronteiriças’, unha idea promovida pola Asociación Treboada Baixo Miño e a Asociación Cultural e Recreativa Bombos S. Tiago de Sopo que busca promover o intercambio cultural e turístico entre Tomiño e Cerveira ao mesmo tempo que se divulga e preserva a riqueza gastronómica, musical, etnográfica e artesanal de ambas as dúas localidades. Durante unha fin de semana haberá animación musical, ‘tasquinhas’ cos sabores tradicionais da aldea, ‘barraquinhas’ con artesanado, un espazo reservado a produtos rexionais e unha exposición de instrumentos musicais tradicionais e unha demostración do uso da ‘Gaita de foles’.
A última iniciativa da categoría de Educación e Cultura é a realización dunhas xornadas de accesibilidade para todos e todas. A Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade, ACAPO e a Escola Superior Gallaecia propoñen o debate entre entidades, institucións e estudantado deste tema para a sensibilización da sociedade nunhas xornadas na que se contará coa presenza de testemuños reais sobre os problemas de accesibilidade na rexión Cerveira-Tomiño. Ademais, como traballo previo da iniciativa, levarase a cabo unha investigación sobre os problemas que atopan as persoas con deficiencia visual ou con mobilidade condicionada para buscar solucións que se presentarán nun obradoiro final.
Votación
O proceso de votación é sinxelo. Os interesados e interesadas deberán entrar na páxina web www.participacerveiratomino.eue rexistrarse con nome, apelidos e número de DNI, premer en ‘Participa’, seleccionar un proxecto por cada categoría e votar. Deberá sinalar ademais se está empadroado en Tomiño ou Cerveira e engadir un enderezo electrónico. A participación é validada tras o cruzamento da información persoal do rexistro cos datos do centro electoral, co fin de que o proceso sexa o máis transparente e seguro posible.