Tomiño e Cerveira asinarán o 4 de outubro a constitución da Eurocidade
3 Outubro, 2018Eurocidade Cerveira-Tomiño vai concretizar novas metas e sonhos para o futuro
4 Outubro, 2018A Eurocidade Cerveira-Tomiño estrea páxina web
A Eurocidade Cerveira-Tomiño comeza unha nova andaina estreando páxina web. O dominio eurocidadecerveiratomino.eu pretende funcionar como lugar de encontro no que toda a cidadanía teña á súa disposición dun xeito claro e rápido toda a información sobre o que é e o que representa a Eurocidade e en que afecta aos veciños e veciñas de Tomiño e Cerveira.
Ademais de información xeral sobre os orixes deste proxecto e a documentación que se foi xerando ao longo do proceso ata chegar á constitución desta Eurocidade, a web recolle información gráfica e audiovisual sobre as liñas estratéxicas e sobre unha das iniciativas que servirá como elemento identificador de unión entre ambas as dúas beiras: a ponte peonil e o parque da Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto que busca a unión física entre o Parque de Lazer do Castelinho de Cerveira e o Espazo Fortaleza de Goián para uso e desfrute da cidadanía das dúas marxes.
Os veciños e veciñas atoparán tamén aquí toda a información sobre as accións participativas postas en marcha pola Eurocidade, que descansa un dos seus eixos principais na implicación da cidadanía na proposta de solucións comúns para resolver problemas comúns. Neste apartado atoparán toda a información actualizada sobre o Orzamento Participativo Transfronteirizo, así como sobre como acceder ás valedoras da cidadanía transfronteiriza.
Outro dos apartados desta nova páxina web estará centrado en aglutinar todos os servizos compartidos entre os dous concellos, como a piscina, a Escola Municipal de Música, o disco azul ou o programa de deporte para todas as persoas. Tamén haberá información actualizada sobre as actividades conxuntas, como o Simposio Internacional de Escultura no Miño, tríatlon ou a Ponte da Amizade-Europa sen fronteiras.