A mocidade elixe os seus proxectos favoritos no Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023
9 Decembro, 2022Cerca de 900 mozos e mozas elixen a organización de xogos e actividades musicais transfronteirizas para o 2023
19 Decembro, 2022A Eurocidade Cerveira-Tomiño lanza unha enquisa para coñecer a opinión da veciñanza sobre problemáticas transfronteirizas
A iniciativa, apoiada pola AECT Rio Minho, culmina o proceso participativo de actualización da súa Axenda estratéxica no horizonte 2030. Estará dispoñible ata o vindeiro 15 de xaneiro
A Eurocidade Cerveira-Tomiño culmina o proceso de elaboración da súa Axenda Urbana 2030 mediante unha enquisa para coñecer a opinión e intereses da súa veciñanza sobre problemáticas de caracter transfronteirizo. A iniciativa está apoiada desde AECT Rio Minho no marco da elaboración das Axendas Urbanas Transfronteirizas do Río Miño, un traballo de planificación conxunta entre os municipios das dúas beiras do río.
Cerveira e Tomiño desenvolveron conxuntamente en 2022 un proceso participativo con axentes sociais, económicos e culturais para actualizar a súa primeira Axenda Estratéxica de Amizade elaborada en 2015. Asociacións e empresas xa deron a súa opinión en diversas reunións temáticas sobre temas como a economía circular, a igualdade de xénero, a conciliación da vida familiar e laboral, ou os desafíos da mobilidade e a transición dixital, entre outros.
Paralelamente e nos últimos meses, o equipo técnico da Eurocidade Cerveira Tomiño, así como dos municipios de Melgaço, Arbo, As Neves, A Cañiza, Crecente, Caminha, A Guarda e O Rosal, deseñaron propostas de intervención sobre diferentes asuntos e problemáticas que afectan a cada un dos territorios tomando como base o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas.
Agora é a quenda da cidadanía, que ata o vindeiro 15 de xaneiro poderá deixar a súa opinión a través dunha enquisa en liña dispoñible na web do AECT Rio Minho. Neste caso, o cuestionario da Eurocidade Cerveira-Tomiño inclúe preguntas relacionadas coa reciclaxe e a economía circular, a mobilidade, os hábitos de consumo, a igualdade e a programación cultural, seguindo a liña temática marcada polo equipo técnico durante este ano de traballo.
A implantación das Axendas Urbanas Tranfronteirizas no territorio do río Miño permitirá que a área transfronteiriza sexa máis inclusiva, resiliente e sostible. Unha innovadora ferramenta de planificación conxunta que permite concibir o territorio como un espazo funcional buscando novos xeitos de atallar problemas que afectan directamente á vida cotiá das persoas. O programa de capacitación destas Axendas Urbanas intégranse no proxecto “Rede de Apoio ás Dinámicas Locais de Coooperación no Río Miño Transfronteirizo” – Rede Lab Minho”, promovido polo AECT Rio Minho e co-financiado polo Programa Interreg V-A España – Portugal.