Presentada a Axenda Estratéxica para a cooperación transfronteiriza Cerveira-Tomiño 2014-2020
4 Novembro, 2014Tomiño e Cerveira debaten o futuro do río Miño
21 Novembro, 2014A mobilidade e a comunicación transfronteiriza centra o debate do Focus Group 2 da Axenda Estratéxica para a Cooperación entre Tomiño e Cerveira
Dentro da Axenda Estratéxica para a cooperación transfronteiriza Cerveira-Tomiño 2014-2020, celebrouse hoxe o segundo grupo de traballo (Focus Group 2), arredor do tema “Mobilidade transfronteiriza e desenvolvemento territorial”, que tivo coma poñente ao sociólogo e especialista en planificación territorial, Daniel Pino, e coma moderadores a Rui Correia, director da Escola Superior Gallaecia de Arquitectura e Urbanismo de VNCerveira, e Sonia Antúnes, técnica de planificación da Cámara Municipal de VNCerveira.
Tamén interveu o arquitecto David Leite, para expoñer os proxectos elaborados pola Escola Sup. Gallaecia en temas de mobilidade.
Nesta segunda reunión, como na primeira, estiveron representados distintos sectores relacionados coa xestión do territorio (administración, transporte público e privado, rede nacional de ferrocarrís, Mariña, arquitectura e urbanismo, asociacións de persoas con discapacidade, particulares, etc.) co fin de dar a súa opinión sobre as prioridades e necesidades da zona, e contribuir deste xeito a delinear investimentos conxuntos, para unha maior integración dos municipios na Euro-Rexión, de cara á presentación de candidaturas comúns aos fondos comunitarios, orientados principalmente ao Programa de Cooperación Interreg V. A España-Portugal (POCTEP), 2014-2020.
Moito que facer
Neste segundo encontro, abordáronse temas coma a promoción conxunta do territorio, e coordinación de plans de ordenación urbana, políticas de eliminación de barreiras arquitectónicas, planificación coordinada de actividades culturais, comerciais, de promoción do patrimonio natural, etc., concluíndo que aínda queda moito que facer nestas áreas para lograr unha maior e mellor convivencia entre ambos pobos veciños.
Asemade, abordouse unha vez máis, o proxecto de construción dunha pasarela sobre o río Miño, que una os parques do Casteliño (Cerveira) e Espazo Fortaleza (Goián. Tomiño); proxecto que apoian ambos concellos e sobre o que os arquitectos da Escola Gallaecia están a traballar.
Entre os asistentes atopábase Clara Cid Bengoa, estudante de Enxeñería de Camiños da Universidade de A Coruña, que está a desenvolver o proxecto, coma traballo de fin de carreira. A técnica explicou que o que a levou a elixir este tema, foi a proximidade e situación estratéxica dos municipios de Tomiño e Cerveira; condicións ideais para unha actuación coma a prevista.
Accións
Durante o debate, os participantes coincidiron na necesidade de crear medios de transporte de cercanía, por exemplo autobuses ou un taxi boat (só para peóns) que substitúa o antigo ferry e permita unha comunicación máis fluída entre a xente de ambas marxes.
Coordinar as accións culturais, de contacto coa natureza, festivas, etc., foi outra das prioridades detectadas, así como unha explotación e xestión compartida dos recursos de cada municipio (piscina municipal, escola de música municipal, etc.).
Próximas citas
O terceiro Focus Group terá lugar od ía 27 de novembro, ás 9.30 horas (hora portuguesa) na Biblioteca Municipal de Vila Nov ade Cerveira. O tema desta 3ª reunión será, precisamente, a “Xestión compartida dos recursos públicos locais”, e terá coma poñente principal a Heitor Gomes, director adxunto de CEDRU, actuando coma moderadores, Elizabet Pérez, técnica de Cultura e Voluntariado do Concello de Tomiño, e Bruno Caldas, coordinador proxecto Protección Civil CIM Alto Miño.
Finalmente, o día 4 de decembro, ás 10.30 horas, celebrarase o cuarto e último foro (Focus Group 4. “Desenvolvemento económico”), na Casa da Cultura de Tomiño.
O programa metodolóxico destes encontros ou “focus group” desembocará na celebración das I Xornadas Amizade Cerveira-Tomiño, no vindeiro mes de febreiro.
Máis información na web amizade-cerveira-tomino.eu ou enviando un correo a comunicacao@amizade-cerveira-tomino.eu