A Eurocidade Cerveira-Tomiño lanza unha enquisa para coñecer a opinión da veciñanza sobre problemáticas transfronteirizas
16 Decembro, 2022A Eurocidade Cerveira-Tomiño ten novas Valedoras Transfronteirizas
28 Decembro, 2022Cerca de 900 mozos e mozas elixen a organización de xogos e actividades musicais transfronteirizas para o 2023
Grande éxito de participación, superando o 70% nos centros escolares. Tomiño e Cerveira desenvolverán os proxectos elixidos no primeiro semestre de 2023
Este proceso participativo da Axenda para a Mocidade da Eurocidade está cofinanciado ao 75% polo programa Interreg VA Poctep a través de fondos FEDER
Tomiño e Cerveira contan xa con novos proxectos de actividades compartidas para o vindeiro ano. A mocidade dos dous municipios escolleu por maioría dous proxectos relacionados cos xogos tradicionais e con actividades musicais como gañadores dunha nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023, ‘Música Nova’ e ‘Xogos Eurocidade’, unhas iniciativas que ambos os dous municipios desenvolverán durante o primeiro semestre do vindeiro ano e que contarán cun financiamento total conxunto de 20.000 euros.
Un grande éxito de participación, xa que 880 mozos e mozas de Cerveira e Tomiño achegaron a súa preferencia neste proceso participativo da Axenda para a Mocidade da Eurocidade, que integra o proxecto Amizade cofinanciado ao 75% polo programa Interreg VA POCTEP de cooperación transfronteiriza a través de fondos FEDER da Unión Europea. Os resultados desvelan un grande interese por parte da mocidade polos xogos tradicionais, con case o 57% dos votos (501), seguido da proposta musical, que acaparou o 22% das papeletas e votos dixitais (194). O proxecto ‘Youth4Clima’ acadou 107 votos e ‘Eurocidade polo clima’ outros 77, ademais de contabilizarse un voto como nulo. Ademais de exercer o seu dereito a voto a través da web do OPT2023, os rapaces e rapazas puideron deixar a súa elección de forma presencial na Escola Básica e Secundaria e na ETAP de Cerveira e no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño.
Mediante o proxecto ‘Xogos Eurocidade’ promoverase a implicación da mocidade en actividades deportivas e de lecer, fomentando a amizade, a unión e a solidariedade entre mozos e mozas de ambos os dous municipios a través de actividades baseadas en xogos tradicionais e en probas típicas dos Xogos sen Fronteiras da Unión Europea adaptadas a recursos e deportes máis actuais como o paintball, slide, orientación, inchables… Esa adaptación tamén se fará contando coa colaboración de rapaces e rapazas das dúas beiras do Miño.
Pola súa banda, coa iniciativa ‘Música Nova’ buscarase o compromiso da mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomiño en actividades musicais conxuntas, procurando a divulgación da tradición e a aprendizaxe de novos estilos musicais, a educación en valores e habilidades sociais a través da música e promocionando o espazo público para a divulgación e o intercambio cultural e xeracional. Será a través de workshops formativos, de ensaios de grupos de música improvisados e de miniconcertos e actuacións de rúa.
Dende a Eurocidade quérese destacar a gran participación nos centros escolares de Tomiño e Cerveira, que superou o 70%, e agradecer a colaboración de todo o profesorado na organización e desenvolvemento do proceso de votación deste proceso participativo da Axenda para a Mocidade que se desenvolveu ao longo de 2022 co obxectivo de implicar á mocidade na achega de ideas e proxectos que contribuán ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas.