Sete concellos de Galicia e Norte de Portugal únense para apoiar o Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago
29 Setembro, 2023Cerveira-Tomiño revalida o seu título das Olimpíadas Sénior
6 Outubro, 2023Cerveira e Tomiño presentan a súa estratexia para os vindeiros 10 anos
Coincidindo coa celebración do quinto aniversario da súa constitución este mércores 4 de outubro, a Eurocidade Cerveira-Tomiño presentou a Axenda Urbana 2030, un valor engadido para a afirmación sostible e adaptada aos desafíos do século XXI. Cumprindo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 e cos desafíos ambientais, integración social, mobilidade e conectividade priorizados á escala europea para 2021-2027, este plan de acción incorpora 14 proxectos, divididos en catro eixos estratéxicos: economía circular e relacións urbano-rurais, desenvolvemento territorial e dinamización de recursos endóxenos, mobilidade e transición dixital e, tamén, cidadanía e igualdade.
O acto, que tivo lugar na Biblioteca Municipal de Cerveira, contou coa presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do presidente de Cerveira, Rui Teixeira; de dous elementos do equipo redactor da Axenda Urbana 2030, Inês Gusman, da Universidade de Santiago de Compostela, e Álvaro Campelo, da Universidade Fernando Pessoa; e do Secretario-Xeral da Asociación Rexións Fronteirizas Europeas, Martín Guillermo, que, ante un amplo público presente, compartiron perspectivas europeas transfronteirizas, incidindo na singularidade e potencialidade da cooperación entre Cerveira e Tomiño.
Durante a sesión de apertura, o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira enalteceu “un traballo esgotador e minucioso, froito dun proceso participativo moi importante, coa escoita e a recollida de contribucións de preto de 50 entidades e asociacións de ambos os concellos”. Rui Teixeira subliñou tamén “a singularidade deste territorio común, caracterizado por unha forza e dinámica que nos coloca en primeira liña”.
Pola súa parte, a alcaldesa de Tomiño lembrou unha cooperación transfronteiriza secular, nun territorio “irmán e amigo con moita historia e que trazou todo un gran camiño que nos coloca aquí hoxe a proxectar o futuro. Que sorte que temos en vivir nun territorio cunha fronteira de paz”. Sandra González definiu a Axenda Urbana 2030 como “un menú de traballo para os próximos 10 anos, que compila o que se quere da Eurocidade para o futuro, con respostas das poboacións e institucións, e que pode ser presentado para captar importantes fondos europeos”.
Inês Gusman, do Grupo de Investigación de Análise Territorial da Universidade Santiago de Compostela, destacou o interese e a execución da Eurocidade Cerveira-Tomiño en “redactar un documento que aliñe as características, potencialidades e necesidades deste territorio cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”. Pola súa banda, o profesor Álvaro Campelo, da Universidade Fernando Pessoa, considerou “a experiencia de convivencia de Cerveira e Tomiño como rara en Europa”. “Podemos ter moito patrimonio, pero se non temos unha boa gobernanza, non imos a ningún lado. O feito de que Cerveira e Tomiño se xunten para definiren as liñas de futuro é sinal dunha boa gobernanza, de vontade de participación”, engadiu.
Abordando diversas relacións de fronteira existentes en toda Europa, o Secretario-Xeral da Asociación Rexións Fronteirizas Europeas clasificou “esta fronteira como un exemplo, pois non hai unha relación calculada de intereses”. Transmitindo os parabéns polo aniversario da Eurocidade, Martín Guillermo afirmou que estamos ante “unha cooperación de escala, un espazo transfronteirizo funcional que mellora a realidade das poboacións (…) e que é reveladora de que non son necesarias estruturas de goberno homólogas para traballar en conxunto”.
Cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do INTERREG V-A POCTEP, a Axenda Urbana Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030 lanza as bases para que a toma de decisións nas diferentes áreas de actuación dos dous municipios e as accións e expectativas dos distintos axentes territoriais sexan coherentes, sistemáticas e integradas, asentadas na coordinación e na cooperación. Cunha longa traxectoria de cooperación, a Axenda Urbana reflicte a historia de colaboración e o compromiso mutuo de traballar en conxunto para abordar as problemáticas ambientais, sociais e económicas que afectan directamente este territorio, así como promover aquelas que son as principais potencialidades comúns.
Partindo dunha abordaxe holística, abrangente e participativa, este documento estratéxico procura fortalecer a Eurocidade Cerveira-Tomiño como un modelo de referencia para o desenvolvemento sostible e inclusivo estruturado nas complementariedades e na cooperación transfronteiriza. O desenvolvemento desta Axenda Urbana e das accións que a estruturan será pautado, por tanto, por un constante diálogo coa poboación, axentes territoriais e entidades políticas e institucionais que actúan neste territorio, sen esquecer nunca a preocupación de adaptar a presente estratexia ás necesidades e ambicións dos territorios en cada momento.
Este plan de acción ten 14 proxectos: promover a economía circular; incentivar as prácticas biolóxicas na agricultura; fomentar as actividades económicas no ámbito rural e a produción local; dinamizar a cooperación institucional transfronteiriza para mellorar a resiliencia do territorio ás alteracións climáticas; promover o desenvolvemento a través do patrimonio cultural; Patrimonio Vivo: fortalecer a identidade e a resiliencia da Eurocidade; Preservación Natural: integrar ecosistemas para un desenvolvemento sostible; promover unha Eurocidade de proximidade; promover a mobilidade transfronteiriza sostible; fomentar a dixitalización dos servizos públicos; democratizar a utilización de tecnoloxías dixitais; consolidación estratéxica da cooperación transfronteiriza; promoción transfronteiriza da igualdade, conciliación da vida laboral, familiar e persoal; achegar a poboación moza á Eurocidade.