A cidadanía de Cerveira e Tomiño elixe actividades comúns para nenos e nenas como gañadoras do OPT 2019
18 Decembro, 2018A Eurocidade Cerveira-Tomiño amplía e mellora a xestión compartida de servizos en 2019
24 Xaneiro, 2019Cerveira e Tomiño reciben distintos premios en 2018 polas súas iniciativas a prol da cidadanía
Xunto ao premio polo Orzamento Participativo Transfronteirizo que desenvolven conxuntamente, Tomiño foi recoñecido co selo de Cidade da Infancia e de Mercado Excelente e Cerveira polas súas iniciativas enerxéticas e medioambientais
Os concellos de Cerveira e Tomiño conseguiron ao longo de 2018 varios premios polas boas prácticas que cada un dos municipios leva desenvolvendo dende hai tempo arredor de diversas áreas. Así, nos últimos meses, ademais do recoñecemento conxunto polas súas iniciativas de participación cidadá, o concello galego recibiu dous galardóns polo seu traballo a prol da infancia e do comercio local e o municipio luso polas súas iniciativas medioambientais. Estes premios recoñecen o compromiso de ambos os dous municipios na implantación de distintas medidas para unha transformación real dos concellos cara unha gobernanza común e na procura dunha maior calidade de vida para toda a cidadanía.
O primeiro premio do 2018 chegou da man do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), unha iniciativa conxunta que Cerveira e Tomiño puxeron en marcha en 2016 co obxectivo de involucrar á cidadanía dos dous municipios veciños na formulación de solucións para necesidades comúns. O OPT foi elixido como unha das cinco mellores iniciativas de participación cidadá en Portugal no Premio de Boas Prácticas de Participación 2017, un certame posto en marcha pola Rede de Autarquías Participativas lusas que busca incentivar a implementación, difusión e posta en valor de prácticas innovadoras de democracia participativa a nivel local. A iniciativa conseguiu a segunda mellor puntuación na avaliación do xurado, tan só por detrás e a 60 décimas do Orçamento Participativo Jovem de Cascais.
Tomiño, Mercado Excelente e Cidade amiga da infancia
O compromiso de Tomiño coa infancia e a súa aposta por colocala no centro das políticas locais, xerando mecanismos reais de participación infantil e cunha estratexia a longo prazo para incorporar a nenos, nenas e adolescentes nas políticas e accións de goberno levaron ao concello tomiñés a conseguir en outubro o recoñecemento de UNICEF como Cidade Amiga da Infancia (CAI). Esta distinción supón a culminación dun longo proceso de preparación, pero tamén o inicio dun novo período no que Tomiño debe levar a cabo accións, dotadas de recursos, e escoitar as opinións dos nenos e nenas que conforman os seus consellos locais de participación infantil e adolescente en todos os temas que lles afectan.
Apenas un mes despois, o concello tomiñés volvía estar de noraboa. A Xunta outorgaba ao Mercado Municipal de Tomiño o primeiro selo de ‘Mercado Excelente’ de Galicia, un recoñecemento ao traballo colectivo e pola resposta da praza de abastos aos retos de modernización e innovación sen perder a súa esencia, así como pola proximidade e o trato personalizado, a accesibilidade das súas instalacións, a prestación de servizos ou a implicación e integración do mercado na vida social do concello.
A excelencia enerxética e ambiental de Cerveira
A cámara municipal de Cerveira tamén rematou o 2018 con premio, nesta ocasión pola súa ‘Eficiencia Enerxética e Renovable no sector público’ do Premio Excelencia Enerxética-Ambiental no Alto Miño. Este galardón destaca os bos resultados obtidos polo municipio no proxecto de substitución das luminarias incandescentes existentes por tecnoloxía LED no Terreiro, así como a instalación de novos puntos de luz, todo con fondos propios. Con esta iniciativa o goberno cerveirense conseguiu rematar coas chamadas zonas de sombra ou zonas escuras que había neste barrio, aumentando a sostibilidade, a seguridade e o confort nas rúas e permitindo ao concello reducir de xeito significativo a súa factura enerxética.