Tomiño e Cerveira celebran o 19 aniversario da Ponte da Amizade con actividades para a mocidade
9 Xuño, 2023O Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández volve ás rúas de Tomiño e Cerveira
13 Xullo, 2023O Comité de Xestión Estratéxica da Eurocidade Cerveira-Tomiño define a dinámica para os vindeiros meses
O Certame de Pintura Antonio Fernández, a presentación do libro ‘O Miño Sereno’ ou do Camiño do Norte a Santiago son algunhas das accións previstas
A reedición en 2024 dos ‘Xogos Eurocidade – Sen Fronteiras’ e a definición das actividades conxuntas para os vindeiros meses foron algúns dos temas abordados o pasado mércores polo Comité de Xestión Estratéxica (CGE) da Eurocidade Cerveira-Tomiño. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da cámara municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, buscan consolidar así a dinámica existente, fortalecendo aínda máis o sentimento de pertenza de ambas poboacións a un territorio común.
O éxito da primeira edición dos ‘Xogos Eurocidade – Sen Fronteiras’, realizados na fin de semana do 10 e 11 de xuño, suscitou un grande interese entre a poboación nova da Eurocidade Cerveira-Tomiño, creando un ambiente de convivencia saudable a través da práctica deportiva. A alta participación e as grandes sensacións recollidas durante os xogos foron avaliados de forma moi positiva por parte de González e Teixeira, que desexan avanzar de cara a celebrar segunda edición no 2024, xa que se trata dunha actividade que incorpora unha das prioridades para ambos concellos: involucrar e comprometer á mocidade cos valores e principios da Europa democrática.
Sandra González e Rui Teixeira enumeraron tamén as diferentes accións conxuntas previstas para os vindeiros meses, entre elas a organización do Certame de Pintura Antonio Fernández o vindeiro 20 de agosto; a presentación de ‘O Miño Sereno’, un libro audiovisual interactivo sobre o río Miño de Lucía Laín Claesson, cunha parte centrada no territorio transfronteirizo de Vila Nova de Cerveira e Tomiño; e a presentación de “O Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago”, de Antonio Soliño Troncoso, demostrando o compromiso da Eurocidade en loitar pola súa certificación, reforzando a identidade transfronteiriza entre Galicia e Portugal.
Conscientes de que a coordinación das políticas públicas debe beneficiar á cidadanía, a alcaldesa de Tomiño e o presidente de Cerveira reafirmaron a importancia da Axenda Urbana Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030, que se fará pública en outubro, considerándoa como unha oportunidade para concentrar recursos e esforzos de conciliación de obxectivos nunha lóxica transfronteiriza. O obxectivo é utilizar a Axenda Urbana 2030 para aliñar as características, potencialidades e necesidades deste territorio transfronteirizo cos principais desafíos ambientais, sociais e económicos da actualidade.