"Cerveira e Tomiño traballan dende hai anos man a man para conseguir levar adiante iniciativas coas que fomentar a cooperación en todos os ámbitos da gobernanza, dende o uso de instalacións e servizos ata a posta en marcha de proxectos conxuntos cos que a cidadanía de ambos os dous municipios gañen en calidade de vida.
"A prol da consolidación do intercambio existente entre ambos concellos, promovéronse distintas iniciativas que canalizan esa cooperación: a posta en marcha de servizos compartidos, a creación da figura das valedoras transfronteirizas e o desenvolvemento do Orzamento Participativo Transfronteirizo.
Os concellos de Tomiño e Cerveira poñen en marcha cada ano unha nova edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), un proxecto pioneiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que ten como obxectivo involucrar á cidadanía dos dous municipios veciños na formulación de solucións para necesidades comúns.
A través desta iniciativa innovadora e de éxito, veciñanza, asociacións, entidades... de ambos os dous municipios poden presentar propostas conxuntas de cooperación. Estes proxectos sométense a votación popular a través da web do OPT e aqueles que obteñan máis aceptación entre a cidadanía contarán co financiamento para levalos a cabo.
O OPT é unha das prioridades da Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño, coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas beiras do Miño. É un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza a través de fondos FEDER da Unión Europea.