Parque da
Amizade

Parque da
Amizade

 

PONTE PEONIL E PARQUE DA AMIZADE CERVEIRA-TOMIÑO

Do plan de acción resultante da participación pública da Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Cerveira-Tomiño xorde como proxecto de referencia o Parque da Amizade Cerveira-Tomiño. Este proxecto non é máis que a unión de dous espazos urbanos próximos que comparten o mesmo espazo natural e son vividos da mesma forma polos seus usuarios e usuarias.

A cidadanía de Cerveira e Tomiño desfruta dos dous parques de forma natural, de acordo coa función que buscan en determinado momento da súa vida cotiá. No mesmo momento é posible atopar a un neno ou unha nena tomiñés divertíndose nos xogos de auga do Parque do Castelinho, a unha persoa de Cerveira tendido na herba ou na praia do Espazo Fortaleza a ler un libro ou un partido espontáneo de fútbol con portugueses e españois.

Encarando esta actitude de integración que a natureza e as persoas por suposto promoven, o Parque da Amizade é a oportunidade de dar corpo a un espazo verdadeiramente europeo, sen fronteiras físicas ou psicolóxicas e de respecto pola diferenza, pola liberdade e polo ambiente, onde se establecen relacións humanas de socialización, lecer, deporte, coñecemento da memoria ambiental e cultural do río, sempre nun ambiente de equilibrio entre o home e a natureza.

Os obxectivos do parque transfronteirizo son:

  • Fomentar a identidade europea, polo sentido de pertenza común, dun espazo que naturalmente xa constitúe unha unidade.
  • Promover a mobilidade suave, a intermodalidade e a posta en común de equipos e redes de transporte.
  • Contribuír á estruturación dunha rede de Corredores Verdes a nivel transfronteirizo.
  • Constituír un espazo integrado para a promoción de iniciativas conxuntas de:
    • Animación cultural, baseada nos valores individuais ou comúns das dúas ribeiras do río.
    • Educación para a cidadanía europea, baseada nos valores de unidade, solidariedade, pluralismo, igualdade e tolerancia á diversidade cultural.
    • Sensibilización sobre a protección da natureza e da biodiversidade.
    • Difusión de coñecementos sobre o río, os seus ecosistemas e as tradicións económicas e culturais asociadas.
    • Promoción de actividades tradicionais, comúns a ambos os dous países, como estratexia de desenvolvemento local e fortalecemento do turismo.

O proxecto máis ambicioso para a concreción do Parque da Amizade é a construción dunha travesía peonil e ciclista que permitirá crear o primeiro espazo público de uso colectivo transfronteirizo cunha superficie de 245.842 m2 e que se converterá no símbolo dun novo paradigma cultural da dilución cultural e psicolóxica das fronteiras.

O concurso internacional de ideas para o proxecto da travesía peonil, promovido pola Deputación de Pontevedra e pola CIM Alto Minho, que transcorre no marco do proxecto VISIT río Miño, cofinanciado polo FEDER a través do programa INTERREG VA (POCTEP) España-Portugal 201 -2020, seleccionáronse tres proxectos que pasaron a fase de proposta e entre os que se elixirá a idea final.

Proxectos finalistas

Raia


De Álvaro Siza e a GOP, entidade representada por Jorge Amorín Nunes. Trátase dunha ponte tipo arco cunha forma de ‘S’ en planta de 300 metros de lonxitude. A súa estrutura en horizontal é metálica, cun largo útil de 4 m, pavimento sintético e unha varanda metálica. En vertical serán 9,20 metros de gálibo con dous apoios na ribeira do río en forma de pilar metálicas en V e en arco. O encontro cos espazos lindeiros prodúcese ao leste do Espazo Fortaleza de Tomiño, na zona próxima ás vivendas, e ao sur do illote do Parque do Castelinho en Vila Nova de Cerveira, sen afección nin á praia nin ao propio illote. O orzamento construtivo previsto é de 3,38 millóns de euros.

Caminho do rio

Da Sociedade Proyectos y Obras de Estructuras e Instalaciones, representada polo vigués Francisco Javier Zubía, e a sociedade Mobilidade e Planeamento do Territorio, representado pola enxeñeira Paula Teles. A proposta é unha planta de directriz quebrada de 323 m de lonxitude cun taboleiro metálico de entre 4 e 6 metros de largo, cun vano central de 123 metros e dous vanos laterais de entre 90 e 110 metros, que se apoia en dous pilares de formigón armado no leito do río. O encontro da plataforma coas ribeiras prodúcese na zona sur da Fortaleza, ao carón do auditorio, e ao sur do Parque do Castelinho, sen afectar nin á praia de Tomiño nin ao illote en Vila Nova. O custo estimado da construción do viaduto sería de 3,35 millóns de euros.

Una línea sobre el Miño

Das sociedades Burgos y Garrido, representada por Ginés Garrido, e Bernabeu Ingenieros, representado por Alejandro Bernabeu. O proxecto comprende unha ponte colgante de directriz recta e 330 m de lonxitude e 9,20 m de gálibo. A estrutura horizontal está composta por unha plataforma de 4 metros de largo cun pavimento de madeira e de formigón e lastro portugués nos extremos, completada cunha varanda de malla metálica con pasamán de aceiro. A estrutura vertical está composta por dous apoios de aceiro na ribeira, que enlazan ao sur do Espazo Fortaleza, na zona do auditorio, e ao sur do Parque do Castelinho. Non terá afección nin á praia nin ao illote e tería un valor construtivo de 3,38 millóns de euros.