En conmemoración dos 15 anos da apertura da Ponte Internacional da Amizade, entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira, a Eurocidade Cerveira-Tomiño organiza a súa II Andaina saudable o vindeiro domingo 16 de xuño de 2019.
A proba, chamada Andaina Eurocidade Cerveira-Tomiño, terá unha duración estimada de 2 horas e 30 minutos e transcorrerá por terras de ambas as localidades transfronteirizas. Cunha dificultade media-baixa, sairá ás 10.00h (hora galega) desde o Espazo Fortaleza de Goián, para seguir por Eiras, Ponte da Amizade, Lenta e INATEL, e regresar polo Ponte da Amizade ao Espazo Fortaleza outra vez.
A inscrición é de balde. Só hai que enviar nome e apelidos, número de DNI, data de nacemento e teléfono ao seguinte correo electrónico: geral.manos.sa@gmail.com, antes do 13 de xuño.
A andaina forma parte de Deporte para todas as persoas, un programa de actividades deportivas gratuítas promovidas conxuntamente polos concellos de Tomiño e Cerveira. Este programa de promoción da práctica de exercicio físico inclúe a Piscina en familia, o primeiro sábado de cada mes, para nenas e nenos de 3 a 12 anos acompañados de familiares; actividades para maiores de 55 anos, todos os martes e xoves; e práctica de diversas modalidades deportivas (pilates, ximnasia, zumba, fitness e actividades afíns) en parroquias de Tomiño e nos IPSS (“Instituição Particular de Solidariedade Social”) de Vila Nova de Cerveira.
Deporte para todas as persoas é unha das iniciativas impulsadas pola Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, un proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.