Educación e cultura centran a maioría das ideas de cooperación entre Tomiño e Cerveira
4 Decembro, 2017Workshop “Experiências de Democracia Participativa e Cooperação Transfronteiriça”
13 Decembro, 2017Tomiño e Cerveira organizan un obradoiro para analizar distintas experiencias de cooperación transfronteiriza
Ao abeiro do proceso do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2018, incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, o vindeiro 13 de decembro organízase no concello luso un obradoiro no que se analizarán distintas experiencias de democracia participativa e cooperación transfronteiriza.
Trátase dunha tarde de traballo na Biblioteca Municipal de Vila Nova de Cerveira á que está invitada toda a cidadanía de ambos os dous municipios e na que se realizarán dúas mesas redondas na que participarán ata seis expertos que contarán as súas experiencias en distintos proxectos.
Programa
Deste xeito, a sesión comezará ás 15.00 horas cun acto de benvida no que participará a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a concelleira da Cámara Municipal de Cerveira Aurora Vilaes. A primeira mesa redonda centrarase no papel do Valedor do Pobo na participación pública e nela intervirán a Valedora do Pobo de Galicia, Milagros Otero, e as valedoras transfronteirizas Cerveira-Tomiño Zara Pouza e María de Lurdes Cunha.
A segunda parte do taller centrarase nas experiencias de participación pública e cooperación transfronteiriza e contará coa presenza do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Juan Manuel Santamanina e cos membros da OPT Amizade Cerveira-Tomiño Elisabet de Santiago, que presentará un balance da primeira edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo, e de Sónia Antunes, que presentará os proxectos para 2018.
A xornada pechará as súas portas ás 17.00 horas cunha degustación de doces de ambos os dous municipios e coa actuación do Coro Infantil de Tomiño e do Coro Infanto-Xuvenil de Cerveira.
O Orzamento Participativo Transfronteirizo é un proxecto pioneiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que busca implicar á poboación de Cerveira e Tomiño na procura de solucións para necesidades comúns. Está incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.