
I Corrida de Reis Cerveira-Tomiño reaxendada para o 2 de febreiro
29 Xaneiro, 2025
A Eurocidade desafía á mocidade a retratar como combater a violencia no namoramento a través do teatro
14 Febreiro, 2025Andrés Sastre, novo valedor transfronteirizo da Eurocidade Cerveira-Tomiño

Comparte cargo con Manuela Ferreira, que continúa ao fronte como valedora por parte de Vila Nova de Cerveira
Sastre, experto no mercado das telecomunicacións e economía dixital, comezará a traballar nos problemas de cobertura na área transfronteiriza
A Eurocidade Cerveira-Tomiño dá a benvida ao seu novo valedor transfronteirizo, Andrés Sastre Portela, que representará neste cargo a Tomiño e que se sumará ao labor realizado pola representante de Cerveira, María Manuela Ferreira, para seguir traballando e fomentar a cooperación en todos os ámbitos de gobernanza e buscar solucións aos problemas da veciñanza transfronteiriza.
Licenciado en Dereito e cun máster de Economía, Sastre Portela afrontará un dos retos máis importantes para a cidadanía da Eurocidade: a mellora das redes de comunicación na área transfronteiriza, especialmente en zonas críticas onde a ausencia de cobertura provoca grandes problemas de illamento á veciñanza.
A súa experiencia como consultor senior en economía dixital e na regulación do mercado das telecomunicacións é clave para afrontar este reto que dende hai anos xera dificultades entre tomiñeses e tomiñesas. Co foco posto na converxencia tecnolóxica, o novo valedor transfronteirizo traballará para atallar as dificultades de comunicación en Tomiño, que conta con 24 zonas con case 7.000 veciños e veciñas empadroadas onde o servizo está sendo deficitario. Uns problemas no servizo que son especialmente preocupantes na zona máis próxima ao río, chegando a haber total ausencia de cobertura.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, destacaron a importancia de contar cun perfil especializado como o de Andrés Sastre, subliñando que “é crucial garantir que todos os nosos veciños e veciñas teñan acceso a un servizo de telecomunicación axeitado, especialmente nunha sociedade cada vez máis dixitalizada”.
A Valedoría da Cidadanía Transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño é unha figura pioneira de cooperación entre a Galiza e Norte de Portugal creada en xullo de 2017 que exerce a súa actividade con autonomía e imparcialidade en relación aos órganos municipais e sen ningún tipo de retribución económica. Teñen como funcións recibir queixas, reclamacións e suxestións relativas ás relacións transfronteirizas entre os dous municipios e emitir informes, recomendacións e suxestións dentro das súas competencias. As persoas interesadas poden contactar ou solicitar cita previa co valedor e valedora da Eurocidade Cerveira-Tomiño a través do correo electrónico provedora_valedora@eurocidadecerveiratomino.eu ou nos teléfonos +34 986 622 001 ou 00351 251 708 020 de luns a venres de 09.00 a 14.00 h (hora galega).



