A integración dos concellos de Cerveira e Tomiño é algo visible e palpable na vida cotiá das súas xentes. Xuntas, unidas como Eurocidade, ocupan 215,07 km cadrados e crean un espazo de forte relación económica, comercial e humana no que viven arredor de 23.000 persoas.
Co río Miño como elemento central da identidade do territorio, estes dous concellos atópanse englobados nos espazos de influencia das dúas áreas urbanas máis importantes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: á área metropolitana de Vigo, a maior de Galicia, e a de Oporto, principal referente urbano no norte do país luso. É estar a cabalo entre estas dúas áreas dinámicas o que marca a potencialidade dun territorio que serve de bisagra xeográfica e socioeconómica e converte á Eurocidade Cerveira-Tomiño nun lugar con importantes expectativas de desenvolvemento.
Tomiño e Cerveira comparten dende hai tempo equipamentos e servizos, reflexo da estreita relación existente entre dous concellos que están separados por apenas 180 metros na marxe menos ancha do Miño e onde se asentan fronte a fronte o Espazo Fortaleza e o parque do Castelinho, os principais espazos de ocio dos dous municipios.
A Eurocidade é accesible por autoestrada e ferrocarril, desde Vigo (A9 e A55, saída 30) e Porto (A28), cidades con aeroportos con destinos europeos e internacionais.