Tomiño e Cerveira promoven de forma conxunta as súas axendas culturais de primavera
31 Xaneiro, 2020Cerveira e Tomiño presentan unha guía para promover un maior coñecemento sobre o sector do turismo local
27 Febreiro, 2020Dez andainas para coñecer Cerveira e Tomiño paso a paso
Comezan en febreiro as “Rotas Minho/Roteiros Miño”, proxecto gañador do OPT2020 que busca unir os dous países a través de camiñadas paisaxísticas, culturais, patrimoniais ou ambientais
Coñecer paso a paso Cerveira e Tomiño a nivel paisaxístico, cultural, patrimonial, ambiental e natural. Ese é o obxectivo do programa “Rotas Minho/Roteiros Miño”, un dos proxectos gañadores do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2020, que arranca xa este mes de febreiro e que permitirá descubrir diferentes visións dos dous municipios a través de 10 andainas que se celebrarán ao longo do ano.
A primeira ruta será ‘Trilho da Carranca’, unha andaina paisaxística e cultural de baixa dificultade, 5,6 km e 1 hora 30 minutos de duración polas freguesías de Gondarém que terá como punto de partida a Igrexa Parroquial de Gondarém ás 09.00 h (hora portuguesa). Xa en marzo será a quenda do ‘Roteiro das Fontes’, un percorrido histórico e cultural de entre 12 e 15 km que transcorrerá por Tomiño.
A programación complétase, entre outras andainas, cun percorrido paisaxístico, histórico e cultural de 9 km pola Junta de Freguesía do Sopo en abril; cunha camiñada interpretativa paisaxística e ambiental de 10km polo ‘Roteiro das Pesqueiras’ en maio; cunha ruta nocturna entre o Monte do Cervo e Niño do Corvo en xuño; coa andaina paisaxística e ambiental nocturna denominada ‘Espazo en Forma. Conversas coa Natureza’, que sairá de Goián no mes de xullo; coa rota da Amizade Cerveira-Tomiño en outubro; e cunha ruta paisaxística e cultural por Loivo no mes de novembro.
Para participar en calquera destas andainas é preciso facer inscrición previa a través dun formulario habilitado na web da Eurocidade Cerveira-Tomiño. Todas as rutas terán un grao de dificultade baixo ou moderado e estarán limitadas a un máximo de 50 participantes. A inscrición para as andainas abrirase cada trimestre.
Fomentar hábitos saudables
Promovida polo Clube Celtas do Minho e Carlos Xabier Oliveira Ortega, esta iniciativa nace co obxectivo da unión dos territorios pero tamén de fomentar os hábitos saudables de camiñar, mellorar a condición física da poboación e promover accións de sensibilización ambiental ou patrimonial, entre outras. Camiñar é unha actividade de baixo impacto ambiental e con moi boa acollida por parte da poboación que en poucos anos pasou de ser un acto de lecer a unha actividade turística potencialmente xeradora de beneficios económicos a nivel local.
Ao gusto da cidadanía polas andainas, “Rotas Minho/Roteiros Miño” quere unir a xeografía do Alto e Baixo Miño, un área cunhas características físicas e naturais peculiares que se reflicten directamente na cultura, na historia, no patrimonio… e que os promotores queren dar a coñecer, presentando o bo que a xente pode atoparse ás dúas marxes da fronteira.
Orzamento Participativo Transfronteirizo OPT
O OPT é unha das prioridades da Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño, coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas marxes do río Miño. É un proxecto cofinanciado en 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza, a través de fondos FEDER da Unión Europea.