O Secretario de Estado de Medio Ambiente comprométese a liderar ante o Goberno español a posta en marcha do proxecto do Parque da Amizade
7 Febreiro, 2022A Eurocidade interésase pola experiencia de Allariz
17 Marzo, 2022O territorio do Miño reclama que os fondos POCTEP se destinen ás zonas de fronteira
O territorio do Miño transfronteirizo reclama que os fondos do próximo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza de España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 da Unión Europea se destinen realmente e de maneira prioritaria ás zonas de fronteira. Consideran que o 75% dos fondos debe investirse no territorio a menos de 50 quilómetros da raia e debe crearse unha convocatoria específica para un proxecto centrado no Miño.
Como primeiro acto de forza desta ‘guerra’, a presidenta da Deputación Carmela Silva, o presidente da CIM Alto Minho Manuel Batista, e o director do AECT Rio Minho Rui Teixeira, acompañados de máis dunha vintena de alcaldesas, alcaldes e presidentes dos concellos e câmaras miñotos, asinaron unha Declaración Conxunta coa reclamación económica.
Remitido á Unión Europea
O documento súmase ás alegacións oficiais xa presentadas nos meses anteriores. Será remitido tanto á Unión Europea como, de maneira específica, aos gobernos centrais de Madrid e Lisboa e á Xunta de Galicia, por ser as entidades que desenvolveron as bases do actual programa operativo, pendente aínda de aprobación final. As reivindicacións, anunciaron, non pararán na vía e institucional: nas vindeiras semanas vanse poñer en marcha unha campaña divulgativa e organizaranse máis actos reivindicativos públicos.
A petición do territorio do Miño de solicitar os fondos POCTEP ten un doble motivo. O primeiro, a lóxica e a coherencia , posto que os fondos europeos de Cooperación Transfronteiriza, como o seu nome indica, naceron no seu momento para compensar os territorios de fronteira por non poder interrelacionarse economicamente debido aos límites administrativos. Afirmouse que non ten sentido que, como acontece agora, se admitan como territorios beneficiarios zonas como Sevilla, Córdoba ou Valladolid, ou todo o territorio portugués salvo a área metropolitana de Lisboa, todos eles moi lonxe da fronteira.
O segundo motivo para reivindicar os fondos POCTEP para os territorios da ‘raia’ é a urxente necesidade de compensación polo peche de fronteiras durante a pandemia da COVID-19, que creou un duplo impacto económico negativo demostrado en diferentes estudos universitarios.
O director do AECT Rui Costa, xunto co vicedirector Uxío Benítez, explicou que a declaración conxunta asinouse para defender os intereses das e dos 376.000 habitantes da rexión miñota e das 13.000 persoas traballadoras transfronteirizas da zona, pola que pasa máis do 50% do tráfico entre España e Portugal.
Fonte: Deputación de Pontevedra