Este verán os nenos e nenas de Tomiño e Cerveira moveranse coa Eurocidade
17 Junho, 2019Provedoras de Cerveira e Tomiño finalistas do Prémio de “Boa Prática em Participação Cidadã 2019”
9 Julho, 2019Toñi Vicente cociñará no Mercado Municipal de Tomiño
Nova iniciativa da Eurocidade Cerveira-Tomiño para promocionar os atractivos turísticos das dúas localidades
A recoñecida restauradora tomiñesa Toñi Vicente, unha das pioneiras da nova cociña galega, será a protagonista dunha especial demostración culinaria, organizada pola Eurocidade Cerveira-Tomiño.
O Mercado Municipal de Tomiño acollerá a actividade o vindeiro 4 de xullo, de 12.00 a 13.30 horas, e sorteará 25 convites para degustar os pratos preparados pola prestixiosa cociñeira.
Distinguida cunha Estrela Michelin no restaurante Síbaris de Vigo (anos ’80) e posteriormente con outra no restaurante Toñi Vicente, de Santiago de Compostela, a gran chef galega obtivo tamén o Premio Challenge Européen de la Gastronomie.
Promoción dos recursos e activos turísticos
Para dar continuidade á positiva experiencia da Xornada sobre o Turismo no Contexto Transfronteirizo, celebrada o pasado mes de xaneiro, a Eurocidade Cerveira-Tomiño promove con esta demostración unha nova iniciativa na que dar a coñecer de primeira man os seus recursos e activos turísticos.
A actividade pretende promocionar o Mercado Municipal de Tomiño, o primeiro en ser distinguido pola Xunta de Galicia como Mercado de Excelencia, e convidado á 10ª Conferencia Internacional de Mercados Públicos, celebrada en Londres nas pasadas semanas.
Na demostración culinaria participarán tamén operadores turísticos e axentes culturais galegos e portugueses convidados pola Eurocidade, que coñecerán previamente as posibilidades de navegación do río Minho, entre os espazos do futuro Parque da Amizade, constituído polo actual Parque do Castelinho (Cerveira) e Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño). Con ese obxectivo presentaránselles os barcos de paseo que operan habitualmente desde o embarcadoiro de recreo de Cerveira, e tamén os barcos do Club Sen Amarras, que permiten a navegación inclusiva desde o pantalán adaptado da praia de Goián.