Os concellos do AECT Rio Minho apostan pola apertura de novos pasos fronteirizos como medida de alivio para as traballadoras e traballadores que deben cruzar cada día
29 Abril, 2020Continúan as roldas de contactos para a apertura de máis pasos nas fronteiras de Galicia e Portugal
14 Maio, 2020Reunión virtual das valedoras transfronteirizas para analizar o impacto social do peche de fronteiras
Amosaron a súa dispoñibilidade para escoitar as dificultades vividas polos cidadáns da Eurocidade Cerveira-Tomiño a causa do peche
A Eurocidade Cerveira-Tomiño segue traballando a pesar do peche de fronteiras entre España e Portugal. A semana pasada as valedoras transfronteirizas, Zara Pousa e Maria de Lurdes Cunha, mantiveron unha reunión a través de videoconferencia precisamente para tratar cuestións relativas ao peche dos pasos fronteirizos durante o estado de alarma e de emerxencia decretado por ambos países a raíz da pandemia do COVID-19. As valedoras manifestaron a súa preocupación polos impactos sociais derivados dese peche de fronteiras e amosaron a súa dispoñibilidade para escoitar as dificultades vividas polos cidadáns da Eurocidade durante este tempo.
Todas as persoas interesadas en poñerse en contacto coas valedoras poden facelo enviando un correo electrónico a provedora_valedora@eurocidadecerveiratomino.eu.
Garantir os dereitos da veciñanza da Eurocidade
A figura das valedoras nace ao abeiro da Eurocidade co obxectivo de garantir a defensa, protección e busca dos dereitos e intereses particulares de todas as persoas residentes en Tomiño e Cerveira como cidadáns europeos transfronteirizos diante dos órganos e servizos municipais de ambos os dous concellos. Foron premiadas como ‘Boa práctica en participación cidadá’ polo Observatorio Internacional da Democracia Participativa (OIDP) por ser unha experiencia pioneira e innovadora que facilita o empoderamento cidadá para construír unha eurocidadanía e zonas francas sociais coa meirande igualdade e con mellor calidade de vida.
Así, por exemplo, neste traballo a prol dos veciños e veciñas da Eurocidade Cerveira-Tomiño, as valedoras presentaron un informe de recomendacións para a eliminación das barreiras á mobilidade transfronteiriza infanto-xuvenil que propiciou un estudo da Comisión Europea sobre este problema no marco da iniciativa ‘B-Solutions’, un programa xestionado pola Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas para identificar e promover a resolución de obstáculos fronteirizos de carácter xurídico e/ou administrativo ao longo as fronteiras internas da UE.