As novas Valedoras Transfronteirizas queren rachar con burocracias “incoherentes”
10 Marzo, 2023A Eurocidade Cerveira-Tomiño une á mocidade a través da música
27 Marzo, 2023Tomiño e Cerveira presumen de deportistas ‘olímpicos’
Integrantes do equipo da Eurocidade participante nos ‘Olimpics4All’ entregan ao Concello o trofeo gañado na última edición dos xogos
É o único equipo transfronteirizo e o gañador indiscutible das últimas edicións das olimpíadas sénior ‘Olimpics4all’. Integrantes do equipo da Eurocidade Cerveira-Tomiño visitaron o Concello tomiñés para entregar o trofeo logrado nos xogos celebrados a finais do ano pasado, revalidando o título xa conquistado nas Olimpíadas de 2019, a última edición antes da crise sanitaria destes encontros anuais que buscan promover a práctica deportiva das persoas maiores, reforzando o intercambio social e cultural entre todas e todos os participantes.
Durante o encontro a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo agradecer a grande implicación de todos e todas as participantes nesta iniciativa, “que a viven como moita intensidade e responsabilidade, adestrando todas as semanas para prepararse para cada nova cita. Confiamos en que volvan revalidar este título nos vindeiros xogos, que serán en Viana do Castelo”.
“Para nós é un orgullo formar parte deste equipo e traballar nun proxecto tan completo, que fomenta a actividade deportiva saudable, controlada e adaptada, pero que tamén permite tecer lazos de unión entre a veciñanza e entre os concellos do río Miño transfronteirizo”, destacou a rexedora.
O encontro contou tamén coa presenza e participación da Vereadora de Desporto e Vicepresidenta da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Carla Segadães, que salientou o traballo realizado por todas e todos os integrantes do equipo participante nestas olimpíadas senior. Na entrega do trofeo tamén interviñeron unha veciña tomiñesa e un veciño de Cerveira integrantes do equipo, que achegaron a súa experiencia neste programa.
Máis de 300 participantes
Na última edición destes xogos olímpicos participaron arredor de 300 deportistas de dez municipios do Alto Minho luso. Cada un dos concellos participantes preséntase cun equipo preparado grazas á implementación dun programa a través do que se traballan diferentes modalidades, dende atletismo ou voleibol ata baloncesto, natación ou fútbol, ademais de xogos tradicionais como a petanca, a corda ou a malha, un xogo tradicional portugués.
A iniciativa nace financiada polo programa Erasmus+ Sport como un proxecto internacional que buscaba afondar nos factores que motivan ás persoas de maior idade a practicar deporte, o In Common Sports. No ano 2021, con nome de In Common Sports + Fit, Food and Fun for Elderly! o proxecto pasa a contar coa participación do Instituto Público de Deportes esloveno coa integración dunha nova liña de análise enfocada á nutrición. Replicado en seis países socios (España, Portugal, Italia, Eslovenia, Hungría e Bulgaria), conta con máis de 500 atletas que participan nos adestramentos semanais e nos diferentes eventos e competicións.