A Eurocidade Cerveira-Tomiño convértese en vila olímpica
7 Setembro, 2022Parlamentarios europeos mergúllanse na experiencia de cooperación transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño
19 Setembro, 2022A EurocidadeCerveira-Tomiño debate en Lituania sobre os obstáculos legais para a mobilidade transfronteiriza cotiá
Na reunión de peche do proxecto BRIDGE, coordinado por Vila Nova de Cerveira e integrado por 11 entidades e municipios transfronteirizos de 10 países
A cidade lituana de Panevėžys foi o lugar elixido para celebrar a quinta e derradeira reunión do proxecto BRIDGE, unha iniciativa na que a EurocidadeCerveira-Tomiño participa xunto con outras 10 entidades e municipios transfronteirizos de 11 países co obxectivo de promover a cidadanía e a cohesión social alén das fronteiras. Coordinado por Vila Nova de Cerveira e financiado polo Programa Europa para os cidadáns da Unión Europea, a Eurocidade estivo presente expoñendo as dificultades xurídicas que se atopan a diario os municipios transfronteirizos que comparten servizos, cultura e vida.
Por parte da Eurocidade, a vice-presidenta da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Carla Segadães acompañada, entre outros, polo director da Agrupación de Escolas cerveirense, Venceslau Teixeira, e o representante da Agrupación de Scouts de Campos, Elvis Graça, presentaron a experiencia da Bienal Internacional de Arte de Cerveira e a realidade dos centros escolares da vila portuguesa.
Pola súa banda, a delegación de Tomiño expuxo ante o público asistente as dificultades para a mobilidade transfronteiriza de menores no territorio, uns obstáculos recollidos polas Valedoras da Eurocidade nun informe realizado xa en 2019 e que propuña medidas que adapten os requisitos de autorización para a mobilidade dos menores ás novas realidades sociais e administrativas a nivel local, ou a promoción de experiencias piloto que permitiran avaliar o avance do exercicio efectivo de dereitos sociais e a construción de identidades compartidas europeas.
Proxecto BRIDGE
Durante este novo encontro, presentáronse tamén as conclusións dun cuestionario a todos os integrantes do proxecto, procedentes de Bulgaria, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Italia, Chipre, Lituania, Letonia e Serbia, sobre o impacto da pandemia nas rexións transfronteirizas e a contribución do proxecto BRIDGE para combater o euroescepticismo. As principais conclusións deste documento transformaranse nun informe con recomendacións para a Comisión Europea.
O celebrado na Panevėžys Civic Art Gallery de Lituania é o derradeiro dos cinco encontros internacionais que arrancaron o pasado 2021 en Cerveira e Tomiño e que se prolongaron ata este 2022 nas diferentes zonas transfronteirizas participantes. O proxecto pretendeu contribuír ao coñecemento da historia e da diversidade da Unión Europea, ademais de promover a cidadanía europea mellorando as condicións de participación cívica e democrática.
A pesar de ser a última reunión prevista polo proxecto, tanto a Eurocidade Cerveira-Tomiño como o resto de entidades e municipios integrantes manifestaron a súa vontade de continuar co traballo iniciado, esforzándose por garantir unha maior cohesión das rexións transfronteirizas da Unión Europea.