Axenda
Estratéxica

Axenda
Estratéxica

 

COMO NACE
 

 

A estratexia de cooperación transfronteiriza nace da vontade compartida da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira e do Concello de Tomiño de establecer liñas de intervención conxuntas para o desenvolvemento integrado do territorio, agrupando políticas de protección dos recursos naturais, de desenvolvemento económico sostible e de cohesión social no espazo transfronteirizo do Miño.

Unha estratexia que necesita da cooperación intelixente entre as administracións, os axentes públicos e privados e da participación pública dos dous concellos para loitar pola posta en valor do patrimonio cultural e natural, para unha xestión compartida de equipamentos e servizos públicos, para a planificación estratéxica do territorio e para conseguir fontes de financiamento coas que levar adiante os proxectos.

Con este traballo conxunto preténdese deseñar estratexias de desenvolvemento e accións e proxectos concretos que posibiliten unha maior integración territorial de ambas marxes do río, optimizando os recursos humanos, económicos, naturais e culturais dispoñibles e aproveitando ao máximo as potencialidades territoriais da Eurorrexión.


PONTE DA AMIZADE

Pero non se trata dunha colaboración recente, senón que Tomiño e Cerveira levan anos estreitando lazos. Xa en 1985, con España e Portugal a piques de entrar na CEE e coas fronteiras entre os dous estados a punto de desaparecer, os dous concellos deron o primeiro paso para afondar nas relacións transfronteirizas asinando o Protocolo da Amizade. En 2004 esa unión refléxase dun xeito físico na inauguración da Ponte da Amizade-Ponte Internacional, que une aos dous concellos e que deu o relevo aos transbordadores de Goián-Cerveira que ata aquel entón se empregaban para cruzar dunha beira á outra. Unha ponte que eliminou as grandes limitacións de mobilidade entre as dúas marxes, que permitiu axilizar as relacións entre as dúas localidades veciñas, afondar lazos históricos e culturais e potenciar os intercambios comerciais: a apertura de portas definitiva no plano económico, cultural, turístico e no repensar o territorio como un espazo único.


CARTA DA AMIZADE
sandra_alvarez_fernando_nogueiraw

Para celebrar os dez anos de historia da ponte, Tomiño e Cerveira quixeron ter un novo xesto de consolidación das súas relacións bilaterais, nas que a participación pública e activa da cidadanía é un dos eixos principais.

Foi a través da sinatura da ‘Carta da Amizade’, coa que ambos concellos recoñecían esa cooperación territorial senlleira como un dos métodos máis eficaces para a aproximación das poboacións fronteirizas, a supresión das dificultades que implican todas as fronteiras e a promoción da cooperación institucional no desenvolvemento económico, social e cultural.


AXENDA ESTRATÉXICA

Alargando esa ponte e ao abeiro da Carta da Amizade é como xurde a Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Cerveira-Tomiño, un documento que serve de referencia para establecer os eixos estratéxicos, as liñas de actuación e as prioridades coas que definir os proxectos conxuntos. Son proxectos que se concretan a través do debate participado entre os distintos actores que compoñen o espazo transfronteirizo e que procuran afondar na complexa problemática da superación das barreiras que durante séculos afastaron a estas dúas localidades situadas a cada marxe do río.

Co río Miño e a ponte como vínculo de identidade territorial, o plan de acción constrúese a partir do recoñecemento dos elementos identificativos de cada municipio e da forma en que se conxugan nese espazo transfronteirizo. E para iso artelláronse catro grupos de traballo dedicados a temas considerados determinantes para o desenvolvemento común do territorio:


  • O río Miño como recurso a potenciar.
  • Mobilidade transfronteiriza e desenvolvemento territorial.
  • Xestión compartida dos servizos públicos.
  • Desenvolvemento económico.
aectw

Que reúnen a poboación e axentes locais e entidades rexionais de Galicia e do Norte de Portugal para a preparación da diagnose que servirá para a presentación dun plan de acción con proxectos que se presentan a candidaturas de fondos comunitarios, especialmente ao Programa de Cooperación Interreg V-España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.


EUROCIDADE

Todo ese traballo conxunto derivou na aprobación da ‘Constitución da Eurocidade Cerveira-Tomiño’, un paso natural cara un proxecto de futuro co que ambos os dous concellos buscan seguir avanzando na actual cooperación transfronteiriza e na xestión compartida. Trátase dun documento co que sentar as bases para a creación da denominación desta Eurocidade, que ten como obxectivo promover de forma conxunta a cooperación institucional, a valorización do patrimonio natural e cultural, a xestión compartida de equipamentos e servizos públicos ou o plantexamento estratéxico do territorio, entre outros aspectos.