Reunión virtual das valedoras transfronteirizas para analizar o impacto social do peche de fronteiras
11 Maio, 2020A execución dos proxectos vencedores do OPT realizarase en 2021 e cancélase a edición deste ano
15 Maio, 2020Continúan as roldas de contactos para a apertura de máis pasos nas fronteiras de Galicia e Portugal
A problemática chegará á presidenta da Comisión Europea e xa foi trasladada a Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas e a outros estamentos políticos
O treito pontevedrés supón o 5% da liña da fronteira entre España e Portugal, pero asume o 49% de todos os tránsitos de vehículos e persoas
Os concellos do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) continúan a traballar para conseguir que remate o peche de fronteiras no territorio miñoto ou, polo menos, que se suavicen as medidas tomadas ata o de agora nos pasos fronteirizos. Neste sentido, o AECT fixo chegar á mesa da presidenta da Comisión Europea, Ursela Von der Leyen, a problemática do peche da fronteira no Miño, a quen o secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), Martín Guillermo Ramírez, comprometeuse a dar a coñecer de maneira inmediata e directa o grande impacto económico que está a sufrir o territorio transfronteirizo do Miño polo mantemento dun único paso na fronteira para os traballadores e traballadoras da zona, unha das máis dinámicas de toda Europa.
Nunha reunión telemática con Uxío Benítez, director do AECT e deputado de Cooperación Transfronteiriza, e Fernando Brito Nogueira, vicedirector e presidente da cámara municipal de Vila Nova de Cerveira, Martín Guillermo sinalou a importancia de abrir máis pasos de maneira urxente e de adoptar medidas e políticas de apoio para paliar os danos nos diferentes sectores produtivos. A ARFE, responsable de representar os intereses das rexións limítrofes ante as organizacións europeas e as autoridades estatais, elevará a situación a diferentes estamentos da cúpula política europea para buscar unha solución aos tránsitos transfronteirizos que involucre a todos, xa que os maiores problemas polos peches das fronteiras estanse a producir nos territorios nos que existen estruturas de cooperación estables e nos que as dinámicas de relación son máis intensas.
A fronteira máis dinámica
Martín Guillermo loubou tamén a iniciativa do AECT de ter solicitado un estudo de impacto socioeconómico urxente á Universidade de Vigo, que desvela que o territorio da fronteira está a sufrir dobremente a situación derivada do COVID-19, tanto pola restrición de movementos xerais como polo feito de ser fronteira. Con máis de 150.000 veciños e veciñas nos concellos da ribeira do Miño e 400.000 na súa área, o treito pontevedrés supón o 5% da liña de fronteira con Portugal en todo o Estado español, pero asume o 49% de todos os tránsitos de vehículos e persoas, xa que é unha das áreas transfronteirizas máis dinámicas economicamente de toda Europa, a que reúne máis poboación e a que ten relacións sociais, culturais e lingüísticas máis profundas.
Roldas de contactos
A rolda de contactos cos diferentes estamentos políticos continúa. O AECT Rio Minho xa remitiu o pasado 30 de abril á Comisaria de Política Rexional, Elisa Ferreira, a declaración asinada por todos os alcaldes da fronteira tanto da parte pontevedresa como da parte portuguesa defendendo a apertura de novos pasos fronteirizos, así como un programa de paliación dos efectos económicos e sociais do Covid -19 na fronteira. Este documento fora xa remitido tamén aos gobernos centrais español e luso, ao presidente da Xunta, así como a diferentes representantes de entidades relacionados cos intereses do territorio da ‘raia’.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, asegurou ao director do AECT que remitiría un informe ao Ministerio de Sanidade e ao de Interior para solicitar que se abran novas vías de conexión co país veciño e que se teña en conta a problemática e particularidade da fronteira do Miño, con traballadoras e traballadores que teñen que dar rodeos de ata 100 quilómetros para acudir aos seus postos, algo que economicamente nalgúns casos é inasumible. Mentres, o AECT comprometeuse a trasladar á Delegación do Goberno todos os pasos que vaia dando o Goberno portugués co fin de chegar a unha solución consensuada e coordinada.