Infraestruturas e fluidez nas relacións diarias, claves para a cohesión dos territorios transfronteirizos
11 Novembro, 2020Cerveira e Tomiño promoven unha nova edición do Simposio Internacional de Escultura do Miño
5 Xaneiro, 2021O AECT busca unificar os criterios da Xunta e do goberno luso para actuar no espazo ‘Rede Natura 2000’ do río Miño
A través dun proxecto sobre o impulso da gobernanza multinivel transfronteiriza aprobado polo programa B-Solutions da Comisión Europea, que permitirá ás administracións falar dos problemas xurídicos que fan que o río Miño sexa tratado de dous xeitos distintos
Diferenzas na construción das ecopistas, no control de aves protexidas ou de especies invasoras, na toma de auga do río para as explotacións agrícolas, nos permisos para actividades culturais… Todas estas cuestións son as que o AECT Rio Minho quere abordar coa Xunta de Galicia e os gobernos español e portugués co fin de unificar os criterios de actuación e protección do río Miño nun Plan de Xestión Transfronteirizo (PXT) común e coordinado. Para acadar este obxectivo, o AECT acaba de ver aprobada unha nova candidatura ao programa B-Solutions da Comisión Europea que permitirá que persoas expertas asesoras e consultoras da UE “poñan a falar” ás administracións e resolvan os problemas xurídicos que na práctica fan que o río Miño sexa tratado de dous xeitos diferentes no lado galego e no portugués.
Segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT, Uxío Benítez, o río Miño é un espazo de protección ecolóxica de ámbito europeo grazas á ‘Rede Natura 2000‘ que se rexe por unha normativa europea única para todos os países membros. Non obstante, no caso do Miño son varias as administracións (galega, española e portuguesa) que deben interpretar esa lexislación europea de protección o que, na práctica, deriva en criterios diferentes que xeran disfuncións por autorizacións máis ou menos permisivas segundo o caso. “Queremos unha xestión xusta e coordenada do espazo fluvial natural transfronterizo, onde as barreiras políticas e administrativas nunca estean por riba do sentido común”, subliñan.
O deputado lembra que calquera actuación dunha marxe repercute na outra e que a disparidade actual de criterios está a crear problemas ambientais e socioeconómicos co río de fondo. “Temos un espazo de gran valor identitario, cunha protección máxima pola súa singularidade en canto á paisaxe, á flora e á fauna, que podemos desenvolver co ecoturismo. O río é estratéxico para o desenvolvemento de toda a área transfronteiriza e hai que coidalo con criterios coordinados”, insiste. Como destaca o director do AECT e tamén presidente da cámara municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, “as vontades a prol dun recurso endóxeno común como o río Miño teñen que ser apoiadas e consensuadas cun forte cariz transfronteirizo a favor da súa potenciación e posta en valor”.
B-Solutions
A través do proxecto ‘Minho River Nature 2000–BoostingCross–Border Multi-level Governance- Natureza do río Minho 2000– Impulso da gobernanza multinivel transfronteiriza’, a Comisión Europea (DG Regio) porá a disposición do AECT do Rio Miño unha persoa experta para asesorar na formulación de propostas ás administracións galegas, españolas e portuguesas competentes e concorrentes no territorio do val transfronteirizo do río Miño co fin de superar os obstáculos que actualmente impiden a planificación conxunta.
O Plan de Xestión Transfronteiriza do Río Miño-Rede Natura deberá acadar obxectivos a curto, medio e longo prazo, contando coa participación de entidades portuguesas e galegas, desde a Administración e o mundo académico ata particulares e organizacións de toma de decisións, en forma de proxectos conxuntos que fomenten a conservación dos valores á vez que catalizan a súa valorización social e económica.
Deste xeito, márcase como tarefas a curto prazo a constitución dun grupo de traballo responsable da preparación do PXT e a coordinación xeral de accións e proxectos específicos; o desenvolvemento e implementación de plans de acción transfronteirizos para hábitats e especies máis vulnerables ás presións ambientais actuais, emerxentes ou futuras; o desenvolvemento de cartografía detallada e harmonizada de valores e unidades xestión en toda a área Natura 2000; e a adopción de obxectivos comúns de xestión, a identificación de conflitos e harmonización da normativa, principalmente.
Neste contexto, o marco institucional para apoiar a implementación do plan de xestión transfronteirizo da Rede Natura 2000 poderá implicar non só a entidades asociadas á administración pública central, nacional e local de Portugal e España (Instituto Conservação da Natureza e Floestas-ICNF-; Axencia Portuguesa de Medio Ambiente-APA-; ConfederaciónHidrográfica do Miño-SIL-CHMS-; Xunta Galicia), senón tamén ao ámbito académico, organizacións non gobernamentais para o medio ambiente (ONG), o tecido empresarial local, asociacións e cooperativas de desenvolvemento local e todas as persoas cuxo interese e habilidades poden contribuír activamente á sustentabilidade do sistema.
Tamén será importante asociar esta iniciativa coa estratexia rexional da paisaxe de Galicia e a súa relación coa estratexia da paisaxe de Portugal, cuxo alcance e visión de mellora da paisaxe son moi diferentes, dando lugar a oportunidades de replicar a estratexia galega no lado do val do Miño portugués.