Información importante sobre emprego e traballo transfronteirizo
6 Abril, 2020Reunión virtual das valedoras transfronteirizas para analizar o impacto social do peche de fronteiras
11 Maio, 2020Os concellos do AECT Rio Minho apostan pola apertura de novos pasos fronteirizos como medida de alivio para as traballadoras e traballadores que deben cruzar cada día
Os gobernos miñotos destacan ademais a importancia dunha desescalada coordinada entre as dúas marxes que non cree desequilibrios no territorio
O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño, dirixido polo deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, reuniuse hoxe coas persoas dirixentes do territorio de ambas as beiras do río Miño para analizar conxuntamente o impacto socioeconómico que a pandemia da COVID-19 está a ter nesta rexión. A reunión, que se desenvolveu de xeito telemático e gozou dunha grande participación e interese, contou ademais coa asistencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen amosou a súa preocupación ante as circunstancias actuais e ofreceuse a trasladar a mensaxe do AECT Rio Minho e das alcaldías aos estamentos necesarios.
A reunión forma parte do estudo encargado polo AECT Rio Minho e a Deputación de Pontevedra para obter un primeiro diagnóstico da actual situación á que se enfronta o territorio. As conclusións deste traballo comunicaránselles esta mesma semana aos gobernos e ministerios pertinentes de ambos os estados para que se estuden e se poidan aplicar as decisións máis axeitadas, como explicou o director do AECT, Uxío Benítez.
Apertura de novos pasos fronteirizos
Unha das principais ideas sobre a mesa, e na que a totalidade dos gobernantes coincidiu, foi a necesidade de apertura de novos pasos fronteirizos como “unha medida de alivio” para as economías locais e sobre todo para “os e as traballadores transfronteirizos que cada día deben trasladarse a quilómetros de distancia para acudir aos seus postos de traballo”.
Segundo apuntou Uxío Benítez dende a AECT, neste momento a única fronteira aberta no territorio é a da ponte de Tui-Valença, un tramo que agora mesmo “concentra preto do 49 % do total da mobilidade entre España e Portugal” e é con diferencia o máis transitado do total de 9 pasos habilitados entre os dous estados.
Ata el teñen que trasladarse obrigatoriamente as traballadoras e traballadores transfronteirizos dunha e doutra beira do río, algunhas e algúns deles asumindo “distancias de máis de 60 km entre a ida e a volta para poder chegar ata polígonos ou empresas que, de outro xeito, quedaban a escasa distancia dos seus domicilios”, segundo explicou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Esta situación, que ademais afecta unha poboación “cun nivel económico medio-baixo, está provocando que algunhas persoas incluso se visen obrigadas a abandonar os seus postos de traballo polo incremento nuns custos de desprazamento que se fan inasumibles fronte a uns soldos baixos que ás veces non superan os 600 €”, aclarou González, un argumento que reafirmou a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, quen ademais propuxo como solución inmediata “unha apertura parcial, por exemplo, en varias franxas horarias”.
A pesar do acordo na necesidade de abrir novos pasos transfronteirizos, todas e todos os gobernantes asumiron tamén que esta medida se debe tomar baixo “os máis estritos medios de control e seguridade, os mesmos que xa hai no paso de Tui-Valença, que eviten unha volta atrás ou novos confinamentos”, segundo apuntou o presidente da câmara de Melgaço, Manoel Batista. “Non se trata de abrir as fronteiras para que circule calquera persoa”, explicou Benítez, senón de ofrecer “unha mellora” para aquelas persoas que “máis están a sufrir o dobre golpe da pandemia por atoparse na fronteira e nun territorio fortemente interrelacionado”.
“Debemos asumir que, infelizmente, esta crise se pode prolongar no tempo, polo que a seguridade sanitaria é imprescindible”, advertiu o rexedor de Monçao, Antonio Barbosa.
Coordinación nas medidas de desescalada
Outro dos puntos en común na reunión foi a necesidade de coordinación entre o goberno luso e o español durante as medidas de desescalada. Uxío Benítez lamentou que “un ritmo diferente de desescalada poida provocar friccións nun territorio no que a dependencia económica entre ambas as marxes do río é moi forte”. Unha idea tamén defendida polo alcalde ada Guarda, Antonio Lomba, quen tamén apuntaba á necesidade de abrir vías, a medio prazo, para facilitar os desprazamentos ata o aeroporto Francisco Sá Carneiro do Porto, entre outros.
Esta dependencia é facilmente palpable nalgunhas vilas, coma a de Valença, onde o 90 % do comercio do municipio está dirixido á poboación galega, segundo achegou o presidente da câmara de Valença, Manoel Lopes. Un caso similar é o de Cerveira, onde a economía local depende en gran parte das feiras e mercados, como apuntou o presidente da câmara e vicedirector do AECT Rio Minho, Fernando Nogueira, consciente de que a “loxística non é fácil”. Xunto coa saúde, a economía debe ser o segundo que se atenda, advertiu o presidente de Paredes de Coura, Vitor Pereira, pensando no medio prazo e nunha estratexia conxunta.
Outra das preocupacións máis repetidas ao longo da xuntanza por parte das alcaldesas e alcaldes do territorio foi a de que o peche de fronteiras non se prolongue máis alá da suspensión dos estados de alarma e emergência de España e Portugal, algo que podería incrementar aínda máis as secuelas da pandemia neste territorio tan interdependente, polo que é necesaria unha estratexia conxunta. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernandez, fixo fincapé na “importancia que as relacións de proximidade van ter a partir de agora; non só a relevancia que van ter as administracións locais, senón o noso contorno máis próximo como espazo para relacionarnos”.
A este respecto, Xosé Manuel Rodríguez, rexedor das Neves, sinalou a necesidade de realizar un estudo conxunto da economía e da hostalaría no territorio transfronteirizo e de como se verá afectado; e propuxo estudar a posibilidade de regular a pesca e a súa venda, xa que a pandemia afectou fortemente este sector na máxima temporada da lamprea.