Provedoras de Cerveira e Tomiño finalistas do Prémio de “Boa Prática em Participação Cidadã 2019”
9 Julho, 2019Concurso de Pintura ao Ar Livre ‘António Fernández’ conquista caráter transfronteiriço
17 Julho, 2019A Eurocidade dá un paso máis na promoción de recursos e activos turísticos de Tomiño e Cerveira
Operadores turísticos e axentes culturais participaron na demostración culinaria da recoñecida chef Toñi Vicente, que buscaba a promoción do Mercado de Tomiño
Aproveitaron a visita para desfrutar en primeira persoa da navegación polo río e coñecer os barcos de paseo que operan dende Cerveira e os do club Sen Amarras para a navegación inclusiva dende o pantalán de Goián
Dar a coñecer de primeira man os recursos e activos turísticos da Eurocidade Cerveira-Tomiño. Ese é o obxectivo co que a Eurocidade está a poñer en marcha unha serie de actividades de dinamización e promoción turística transfronteiriza nas que o río Miño e o Mercado de Tomiño foron os grandes protagonistas. Deste xeito, operadores turísticos e axentes culturais galegos e portugueses asistiron á demostración culinaria realizada pola recoñecida chef tomiñesa Toñi Vicente neste mercado, un showcooking no que participaron máis de 100 persoas e que serve para dar continuidade á positiva experiencia da Xornada sobre o Turismo no Contexto Transfronteirizo celebrada o pasado mes de xaneiro.
Actividades enfocadas á promoción do territorio e, á vez, do propio Mercado Municipal de Tomiño, o primeiro en ser distinguido pola Xunta de Galicia como Mercado de Excelencia, e convidado á 10ª Conferencia Internacional de Mercados Públicos de Londres, onde foi elixido como exemplo de mercado público con especial acento no seu papel como cohesionador social, conectando a economía local e a comunidade. Tomiño foi seleccionado por ser un proxecto confeccionado por un equipo multidisciplinar e coa participación dos propios veciños/as no que, ademais do mercado, se transformou a contorna, conseguindo que as persoas dispuxeran dun lugar de encontro e convivencia, o que modificou radicalmente a vida da vila.
Promoción dos recursos e activos turísticos
Ademais de participar na demostración culinaria do Mercado de Tomiño, os operadores e axentes coñeceron da man da Eurocidade Cerveira-Tomiño as posibilidades de navegación do río Minho entre os espazos do futuro Parque da Amizade, constituído polo actual Parque do Castelinho (Cerveira) e Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño). Os propios axentes e operadores experimentaron a sensación da navegación polo río e puideron coñecer tanto os barcos de paseo que operan habitualmente desde o embarcadoiro de recreo de Cerveira como os barcos do Club Sen Amarras, que permiten a navegación inclusiva desde o pantalán adaptado da praia de Goián.
Todas as actividades desenvolvidas enmárcanse no proxecto POCTEP, Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño, cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE, dentro da liña para a “dinamización da economía local transfronteiriza” e, concretamente, para a “promoción da competitividade no sector do turismo” co obxectivo de “promover os recursos e tradicións do territorio”.
O pasado mes de xaneiro a Eurocidade Cerveira-Tomiño xa organizou unhas xornadas centradas no papel estratéxico dun territorio común como factor de atracción turística e que serviron de punto de reflexión sobre a fronteira, a natureza, a cultura e a paisaxe como atractivos turísticos, así como para analizar a oferta e demanda no territorio do río Miño transfronteirizo e achegar a visión dos operadores turísticos. A xornada rematou ademais con diferentes experiencias turísticas no territorio, como visitas a adegas, viveiros e outros recursos do patrimonio natural e cultural, como o Castelo de Cerveira.