Lontra ‘Mizi’ eleita a mascote do Festival Infantil da Eurocidade Cerveira-Tomiño
30 Outubro, 2020AECT Rio Minho quer uniformização de critérios administrativos para atuar no espaço ‘Rede Natura 2000’
20 Novembro, 2020Infraestruturas e fluidez nas relacións diarias, claves para a cohesión dos territorios transfronteirizos
As II Xornadas da Amizade deixaron patentes os retos de futuro aos que se enfronta a cooperación transfronteiriza: a aposta pola conexión ferroviaria e o recoñecemento das entidades locais para a xestión de fondos
Xa pode versen as xornadas completas na canle de Youtube da Eurocidade Cerveira-Tomiño
Dotar de infraestruturas e facilitar a fluidez nas relacións diarias a través das fronteiras é fundamental para a cohesión entre territorios transfronteirizos e para que poidan crecer ao seu máximo potencial. Estas son algunhas das principais conclusións recollidas nas II Xornadas da Amizade, celebradas en Cerveira coa participación dos principais axentes sociais, políticos e económicos das dúas beiras do Miño e que xa se poden ver na canle de Youtube da Eurocidade Cerveira-Tomiño completa ou por bloques:
- 1º bloque: Cerveira-Tomiño: Balance e resultados do proxecto
- 2º bloque: Da Carta da Amizade á Eurocidade
- 3º bloque: Cooperación transfronteiriza no Horizonte 2030
- 4º bloque: Debate: Europa sen fronteiras: o papel da cooperación transfronteiriza na consolidación do proxecto europeo
A aposta polo eixo atlántico ferroviario foi unha demanda común dos distintos participantes nas xornadas. Mentres que a ministra de Cohesión Territorial lusa, Ana Abrunhosa, destacaba a existencia por primeira vez de estratexias transnacionais “con infraestruturas e instrumentos e vontade política de abolir fronteiras” en aras do ben común, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González pedía maior apoio do goberno autonómico, español e europeo para a fronteira máis transitada de Europa e financiamento e canles de comunicación directos para levar adiante proxectos fundamentais para a rexión como a mobilidade ferroviaria entre Vigo e Porto.
Unha idea que secundou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para quen “a autoestrada que vertebrou Galicia con Portugal foi a clave para cambiar a percepción dos galegos e os portugueses. As infraestruturas seguen sendo fundamentais para a cohesión do pobo e para nós é importante a conexión ferroviaria do eixo atlántico, unha conexión por tren que conecte Portugal con Galicia e de aí se vaia á meseta. Temos que finalizar esa liña de ferrocarril e seguir insistindo nestas e noutras infraestruturas, como as culturais”.
Eliminar obstáculos
A cooperación e cohesión territorial implica “rachar os muros formais e informais que limitan o o desenvolvemento das rexións transfronteirizas”, para o que é fundamental eliminar os obstáculos aos que se enfrontan ao tratar con administracións estatais diferentes, como explicou a comisaria europea de Cohesión, Elisa Ferreira. “Á cidadanía e ás organizacións a miúdo impídeselles establecer relacións diarias a través da fronteira tan fluidamente como o farían dentro dun mesmo país, o que lles impide crecer todo o que poden. O noso obxectivo é axudar a eliminar eses obstáculos”.
O transporte público transfronteirizo, os intercambios escolares ou cuestións fiscais son algúns dos exemplos que “deixan claro que o apoio á cooperación transfronteiriza debe ir máis alá do apoio financeiro”. Para enfrontarse a casos como estes estúdase a posibilidade de usar o Mecanismo Europeo Transfronteirizo, unha ferramenta que permitiría “atopar solucións específicas a problemas específicos cando marcos legais ou administrativos incompatibles obstaculicen o desenvolvemento de proxectos transfronteirizos”.
Para Ferreira a Eurocidade Cerveira-Tomiño é “un excelente exemplo de cooperación internacional cun impacto real na vida das persoas e de todo o que se pode lograr traballando xuntos”. “Hai desafíos permanentes, como os que nos recordou a crise da COVID, durante a que se suspenderon proxectos e investimentos e se pecharon as fronteiras, o que supuxo unha situación moi dolorosa para quen vivía en rexións transfronteirizas. Pero non debemos tomar estes contratempos como un impedimento, senón como un recordatorio do traballo por facer e un impulso á nosa determinación de continuar o camiño iniciado xuntos”.
Gran respaldo
As II Xornadas da Amizade contaron co respaldo e presenza dos principais axentes políticos, sociais e económicos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Así, a este debate asistiron por exemplo Jùlio Pereira e Bruno Caldas, membros do equipo técnico do CIM Alto Minho; o director da Confederação Empresarial do Alto Minho, Luís Ceia; o presidente do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Carlos Manuel da Silva; Ana Paula Xavier, da Associação de Desenvolvimento Rural Integrado do Vale do Minho; Francisco Calheiros, da Associação de Desenvolvimento Rural Integrado do Vale do Lima; o presidente de AM Cerveira; os comandantes de Caminha e de Tui; Manoel Batista Calçada, presidente da Câmara Municipal de Melgaço; Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Miguel Ángel Michinel, Secretario Xeral da Universidade de Vigo; Elena Rivó, comisionada de Coordinación Institucional da Universidade de Vigo; María Victoria Álvarez, presidenta da Asociación de Cultivos do Baixo Miño; Emilio Estévez, da Cámara de Comercio de Tui; representantes da Asociación de Empresarios de Tomiño ou membros do grupo parlamentario do BNG.