Cerveira e Tomiño presentan o seu Parque da Amizade ao delegado do Goberno español
3 Febreiro, 2021A Eurocidade Cerveira-Tomiño adia ata setembro o IV Simposio Internacional de Escultura do Minho
9 Febreiro, 2021AECT Rio Minho fai un chamamento aos Gobernos de Portugal e España para “deixar de castigar a traballadoras e traballadores transfronteirizos”
Municipios da fronteira estudan interpoñer accións contra o Estado portugués por atentado contra a saúde pública
Alcaldes dos 26 municipios portugueses e galegos que compoñen a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Minho esixiron aos Gobernos de Portugal e España o “debido e merecido respecto” polos miles de traballadoras e traballadores transfronteirizos e centenares de transportes de mercadorías que, diariamente, atravesan as oito travesías existentes entre o Alto Miño e a Galiza e que están a ser “castigados” co peche de fronteiras e a concentración nun único punto autorizado, a Ponte Internacional de Valença.
Durante unha acción simbólica reivindicativa na Ponte Eiffel de Valença-Tui, a medida imposta por ambos os gobernos foi clasificada de “castigo inapropriado” para as traballadoras e os traballadores transfronteirizos, un “erro colosal” e unha posición “escandalosa”, e reclamouse a apertura urxente de todos os puntos de paso entre o Alto Miño e a Galiza, con recurso a control e permiso de circulación para estas excepcións.
“Non estamos a pedir que pasen máis persoas, pero si que pasen as mesmas polos sitios habituais”, dixo o director do AECT Río Miño, Fernando Nogueira, subliñando que “ten que haber respecto pola saúde pública, pero tamén polas traballadoras e traballadores transfronteirizos”. “Os gobernos están a obrigar as persoas a facer centenares de quilómetros de máis, con prexuízo para a saúde física e psicolóxica. Temos coñecemento de decenas de profesionais de saúde de ambos os lados que están na liña da fronte ao combate á Covid-19 e que agora se ven obrigados a levantárense máis cedo e a pasar horas en filas”, explicou o tamén Presidente de Concello de Vila Nova de Cerveira, engadindo: “O Goberno portugués alega a falta de recursos humanos para decretar o peche dos puntos de fronteira, e entón pasa a carga dos custos que é un deber do Estado para as traballadoras e os traballadores transfronteirizos”.
O rexedor cerveirense considerou aínda que este peche de puntos de paso e a concentración nun só local está a ter o efecto inverso ao que o Goberno esperaba. “A xustificación para esta medida é a de prevención de contaxios, mais a verdade é que se está a potenciar contactos, xuntanzas na fronteira e, consecuentemente, posibles contaxios”, alertou Fernando Nogueira, colocando aínda a hipótese de se “intentar unha acción contra o estado portugués por atentado á saúde publica, no límite, e se existiren condicións legais para o facer. É un asunto que ten que ser xuridicamente estudado”.
O vicedirector do AECT Río Miño falou en “auténtico escándalo” protagonizado por ambos gobernos, “cometendo o mesmo erro practicado en marzo e abril, mesmo tras a realización de tres protestas e de varias reunións para dar a coñecer a realidade dinámica desta fronteira”. Uxio Benítez reiterou que “a decisión dos Estados non colocar patrullas policiais para economizar gastos, trasladándoos ás traballadoras e aos traballadores, é un escándalo”. “Ten de haber controis sanitarios, evidentemente, mais se se permite a pasaxe ás traballadoras e aos traballadores ten que ser por todos os espazos transfronteiros existentes”.
A intención inicial desta acción conxunta era realizar un encontro entre os/as alcaldes de ambos os lados da fronteira en medio da Ponte Eiffel de Valença-Tui, que se encontra pechada á circulación, respectando os límites territoriais de cada país, abordaxe que non foi autorizada polas autoridades portuguesas.
“Sentímonos agraviados”
Esta acción simbólica reivindicativa contou cos testemuños de Carolina Lemos Costa e Daniela Costa, de Vila Nova de Cerveira, enfermeiras nun fogar de anciáns na Guarda, en Galicia, onde traballan máis portugueses. O traxecto diario normal era pola Ponte Internacional da Amizade, entre Cerveira-Tomiño, sendo agora obrigadas a desprazarse a Valença e volver para atrás.
“Este peche aumenta moito os quilómetros feitos diariamente, pérdese moi tempo. Acaba por ser un estrés. Teño que saír moi cedo de casa cando estou na quenda da mañá, ou entón despois dunha quenda da noite, sen descansar, teño que esperar 25 minutos para pasar. É difícil. Sentímonos agraviados”, referiu Carolina Lemos Costa.