O director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT Río Minho), Uxío Benítez, subliñou que “estas dúas persoas simbolizan todo aquilo polo que os alcaldes andan a reivindicar. Non se trata de abrir fronteiras dunha forma xeneralizada para o turismo, mais si de algo máis xusto e preocupante que é os traballadores transfronteirizos poidan facer unha vida normal. Do que se trata é da colocación de medios para controlar a apertura de máis puntos de paso”.
Subliñando que a ponte “é unha rúa que atravesa o río Miño e pola cal pasan, diariamente, 10 mil coches”, o alcalde de Monção alertou para o feito de “os traballadores transfronteirizos están a sufrir efectos económicos e persoais hai moitos meses”. E engadiu: “Somos pequenos, somos poucos, mais somos xente. Queremos sobrevivir, é xa do que se trata. Hai xa moitas solicitudes de axuda, hai pobreza encuberta, a economía está perdendo e o que se pide aos Gobernos é que axuden á fronteira, que axuden aos pobos de ambos os lados”.
De 6 minutos a 160 km
Cecilia Puga, peiteadora galega con salón en Melgaço dende hai 19 anos, facía unha viaxe casa/traballo de só seis minutos. Co peche de fronteiras debido á pandemia Covid-19, a empresaria vese obrigada a percorrer cerca de 160 kms cada día, tendo que pasar polo único punto de paso aberto na zona, en Valença-Tui, demorando moito máis tempo. “A semana pasada, o SEF non validou a miña declaración e tiven que ir a Vigo facer un novo recoñecemento, tardando cinco horas en chegar ao meu posto de traballo. É unha inxustiza”, comentou.
Á súa vez, Vítor Domingues, referiu que, en 22 anos de feirante, a semana pasada foi “a primeira vez que non abriu a caixa, non faturando un cêntimo”. Presenza habitual nas feiras entre Melgaço e Camiña, o feirante que ostentava un cartel con “Déixenme traballar”, afirmou que esta situación está a provocar “un colapso económico total na raia” e o que se pide é que “os gobernos ollen para o Norte de Portugal e a Galicia”.
Ao final alcaldes e alcaldesas garantiron que esta reivindicación vai seguir producíndose para flexibilizar as milenarias relacións entre o Norte de Portugal e Galicia.
A primeira acción de protesta conxunta dos alcaldes e alcaldesas de ambas dúas beiras do Miño produciuse o pasado 3 de xuño na Ponte Internacional da Amizade, que une Vila Nova de Cerveira e Tomiño.