Máis de 130 deportistas galego-portugueses participarán no VIII Triatlón da Amizade
7 Outubro, 2014Portugal imponse no VIII Triatlón da Amizade 2014
3 Novembro, 2014Tomiño e Vila Nova de Cerveira acollen o I Simposium de Escultura do Miño
O certame reúne a seis figuras internacionais de relevo, que traballarán en vivo nas súas obras.
Estados Unidos, Italia, Taiwán, México, Bielorrusia e Portugal son os países de procedencia dos seis escultores que participan no I Simposium Internacional de Escultura do Miño, organizado conxuntamente polos concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, dentro da Carta da Amizade que une a ambos os pobos fronteirizos.
Durante dúas semanas, seis artistas de renome internacional traballarán ao vivo pedras de grandes dimensións, na súa maioría mármore, transformándoas en valiosas obras de arte. Este primeiro simposio de escultura, pretende ser un espazo de experiencia e liberdade creativa, que poña en valor o grande patrimonio inmaterial e artístico da zona.
Entre 12 e 28 de setembro, o espazo contiguo á Fortaleza de Goián, cunha bela paisaxe sobre Vila Nova de Cerveira a través do río Miño, é o escenario dun evento singular de escultura ao aire libre, convidando as poboacións a interactuar máis estreitamente.
Escultores internacionais
Coordinado polo escultor local Nando Álvarez (que realiza gran parte do seu traballo en simposios de escultura en Europa, Ásia e América), o I Simposium de Escultura do Miño reúne a seis figuras destacadas do panorama artístico internacional, que esculpirán as súas obras arredor da fortaleza de Goián, ata fin de mes.
O evento foi presentado este mediodía no Espazo Fortaleza, coa presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o seu homólogo portugués, Fernando Nogueira, acompañados polas concelleiras de Cultura de ambos os dous municipais fronteirizos.
A presentación coincidiu coa visita de alumnado de Primaria, dos colexios tomiñeses, que puideron observar o traballo de cada un dos artistas, escoitando as súas explicacións e realizando preguntas.
Aposta polo patrimonio inmaterial
Na súa intervención, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou a calidade dos artistas convidados e lembrou que esta iniciativa é froito da colaboración existente entre Tomiño e Cerveira. “Trátase de dar un paso máis na posta en valor do rico patrimonio inmaterial tantas tempo escondido, coma é a arte”.
A rexedora salientou que este primeiro simposium enceta na liña de posta en valor da escultura que motivou tamén a homenaxe do Concello, nas Festas do Alivio, aos escultores máis senlleiros da vila: Magín Picallo, Antúnez Pousa e Xuxo Vázquez, e a exposición “Catro”, que continúa aberta na Casa da Cultura, en horario de mañá e tarde, cunha mostra colectiva dos tres escultores antes mencionados máis Nando Álvarez.
O presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, pola súa banda, lembrou que “unidos por un acordo transfronteirizo, Vila Nova de Cerveira, “Vila das Artes”, e Tomiño, “Terra de Artistas”, lanzaron o desafío para un proxecto común que unifique e identifique as poboacións destes dous concellos como amantes das artes e da escultura” O rexedor luso, explicou que “nun ambiente de culto á natureza, os seis escultores seleccionados están a traballar as súas creacións artísticas para ficaren tres obras en espazos públicos de Vila Nova de Cerveira e outras tres no Concello de Tomiño”.
Escultores convidados
Os escultores convidados ao I Simposium Internacional de Escultura do Miño son os que seguen:
1. BATU (Isidore Siharulidze) EE.UU. Catedrático do departamento de escultura da Universidade de Boston, con obras en Estados Unidos, Inglaterra, Holanda e Turquía, entre outros países.
2. GHEORGI FILIN. ITALIA. Nado en Bulgaria, estudou e impartiu clases na Academia de Belas Artes de Sofía e dende hai 30 anos reside en Italia. Entre os seus numerosos galardóns, atópanse o primeiro premio da Exposición Internacional de Escultura de Wuhu (China) e o Gran Premio Nordart de Alemania.
3. HSIANG, KUANG-HUA. TAIWÁN. Nado en Taiwán, este escultor ten no seu haber galardóns moi importantes, tanto no seu país coma no estranxeiro (China, Turquía, etc.).
4. JORGE ELIZONDO. MÉXICO. Escultor e profesor mexicano, docente en distintas universidades americanas. Ten obra en España, Alemania, Italia, Corea, China, etc.
5. VIKTAR KOPACH. BIELORRUSIA. Galardoado coa Medalla do Ministerio de Cultura de Bielorrusia, pola súa contribución ao desenvolvemento artístico e cultural.
6. VITOR REIS. PORTUGAL. Este artista portugués formouse en Caldas da Raínha e na actualidade participa en simposios de escultura celebrados en diferentes países (Brasil, España, Arxentina, Montenegro, Taiwán, etc.).