
A Eurocidade reclama en París maior atención aos territorios transfronteirizos
23 Xuño, 2022
Representantes da Eurocidade presentaron en Bulgaria e Serbia iniciativas en defensa do medio ambiente
13 Xullo, 2022Xa podes usar as bicicletas eléctricas do E-Bike Rio Minho en Cerveira e Tomiño

É o primeiro servizo de xestión transfronteiriza real na península ibérica
Para ir a traballar ou para desfrutar do tempo de lecer, xa é posible empregar as bicicletas eléctricas do programa e-Bike Rio Minho en Cerveira e Tomiño. A Eurocidade conta xa con 16 bicicletas eléctricas das 46 distribuídas polas tres eurocidades do territorio (Cerveira-Tomiño, Monção-Salvaterra e Tui-Valença) dentro deste proxecto pioneiro posto en marcha polo AECT Rio Minho en colaboración coas eurocidades que nace como primeiro servizo de xestión real verdadeiramente transfronteiriza na península ibérica. No caso de Tomiño-Cerveira as bicicletas teñen unha estación virtual na Praza do Seixo, mentres que en Cerveira están na Praza do Municipio e na Avenida das Comunidades Portuguesas.
A través desta iniciativa, calquera persoa veciña ou visitante das principais vilas do Miño poderáa cruzar dun país a outro nestas bicicletas eléctricas dispoñibles totalmente de balde simplemente realizando unha tarxeta de persoa usuaria ou ben empregando a App creada para o seu funcionamento. Con 9 estacións físicas ou virtuais espalladas nas tres Eurocidades, as persoas interesadas poderán empregar estas bicicletas por un tempo máximo de 3 horas diarias e devolvelas despois da súa utulización. O horario de funcionamento está dispoñible na App e-bike Rio Minho, na páxina web do AECT Rio Minho e nas estacións de recollida e devolución.
Para a estrea do servizo realizouse un percorrido no que estiveron involucrados non só representantes institucionais da Deputación de Pontevedra, concellos, AECT, CIM e CCDR-N, senón tamén veciñanza de todos os municipios. Partiron comitivas dende Monçao e Salvaterra, tamén de Tomiño e Cerveira e xuntáronse todas coa parte de Tui-Valença no Largo dos Comboios de Valença a media mañá. Dende alí fixeron un treito conxunto cruzando simbolicamente a vella ponte de ferro ata unha explanada anexa á alfándega de Tui, onde se realizaron os discursos oficiais e se tomou un pequeno refrixerio de confraternización.
Esta iniciativa pretende dar resposta a un conxunto de políticas públicas de desenvolvemento sustentable, onde se inclúe a promoción de ciclovías e recursos ciclables, promovendo a calidade de vida. Trátase dunha iniciativa piloto que ten vocación de ampliación, posto que se está a traballar na consecución de máis fondos comunitarios para aumentar o número de bicicletas dispoñibles, o número de estacións de carga e ancoraxe, e tamén a instalación en máis localidades do Río Miño fóra das eurocidades. O orzamento do proxecto é de 90.000 euros, sendo o 75% do total inxectado dende o FEDER a través do POCTEP e o resto do AECT (Deputación e CIM) e eurocidades. Ademais, o estado portugués, a través dun fondo ambiental achegou unha subvención para a instalación de estacións físicas de ancoraxe na parte lusa, que supuxo un investimento doutros 75.000 euros.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou o traballo transfronteirizo. “Non podiamos ter pasado máis obstáculos: a pandemia, a crise de bicicletas e a crise de microchips, pero mesmo así este proxecto saíu adiante. Non foi sinxelo pero fomos quen de facelo”, destacou, ao tempo que lembrou que a iniciativa une dúas cousas que marcan o ADN da eurocidade, a mobilidade suave e a cooperación transfronteiriza. “Cada vez máis a UE valora máis estes proxectos que cosen a fronteira e unen a pobos veciños. As bicis van ser moi usadas e a veciñanza sentirase preto. E nós traballaremos para ter a nosa nova pasarela que atravesará o Parque da Amizade e poidan pasar por alí cruzando o Miño”, salientou.
Pola súa banda, o director do AECT Rui Teixeira subliñou que este proxecto é “un paso pequeno máis moi importante no ámbito da sustentabilidade e o turismo. Temos as bicicletas da ‘Amizade’ e van dar a coñecer o territorio a quen o visite”. “Este é un proxecto de gran valor que contribuirá para unir aínda máis os territorios transfronteirizos, fortalecendo o turismo sustentable e a movilidade suave”, recordou.